Aprobada a licitación para a renovación e mellora da eficiencia enerxética no Mercado de Abastos 

As obras, que contan cun investimento de preto de 519.000 euros, permitirán renovar o lucernario principal e compatibilizaranse coa actividade comercial diaria da praza.

O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra. 

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proceso de licitación das obras de mellora de eficiencia enerxética no Mercado de Abastos. Segundo explicou a alcaldesa en funcións e tenente de alcalde, Eva Vilaverde, o orzamento de licitación é de 518.732,13 euros e o prazo de execución de 2 meses.

A actuación céntrase na substitución e mellora do lucernario principal do edificio e da súa cuberta. Procederase á desmontaxe da estrutura actual, o saneamento dos perfís metálicos e o reforzo das ancoraxes para instalar un novo lucernario que funcionará como unha “segunda pel”, segundo explicou a alcaldesa en funcións. Esta nova infraestrutura está deseñada con vidros illantes para evitar a filtración dos raios infravermellos, garantindo un mellor illamento térmico e lumínico. Esta medida ten como finalidade principal a protección e conservación óptima da mercadoría (como peixe, froita, verduras, flores…) que ofrece o persoal do mercado.

Eva Vilaverde asegurou que a execución das obras se planificará coa intención de que resulten o menos molestas posibles, garantindo a súa total compatibilidade coa actividade diaria das persoas que traballan e compran na praza. Esta renovación permitirá darlle unha nova e coidada imaxe ao Mercado de Abastos, poñendo en valor un espazo que, ademais de manter a esencia do comercio de proximidade, aspira a ser punto cultural da cidade.

Este proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Compartir publicación: