Pontevedra coroará aos campións da Copa Galicia de Fútbol Sala os vindeiros días 1 e 2 de abril 

A Boa Vila acollerá os encontros, no Pavillón Municipal de Deportes, entre : o Noia Portus Apóstoli e O Parrulo Ferrol; e entre o Castro Bloques Cando e o Poio Pescamar 

O icónico escenario da Ponte do Burgo, co Pavillón Municipal dos Deportes de fondo, acolleu hoxe a presentación oficial das finais da Copa Galicia de Fútbol Sala. A cidade do Lérez converterase no epicentro do fútbol sala galego os vindeiros 1 e 2 de abril, acollendo a loita polo título autonómico na que participarán catro dos mellores equipos da comunidade.

O evento, organizado pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) en colaboración co Concello de Pontevedra e o club local Leis Pontevedra, promete ser un fito deportivo para a cidade. A competición arrancará o mércores 1 de abril coa gran final masculina, que enfrontará a dous equipos da elite: o Noia Portus Apóstoli e O Parrulo Ferrol. Ao día seguinte, o xoves 2 de abril, disputarase a final feminina, cun intenso duelo entre o Castro Bloques Cando e o Poio Pescamar.

Durante a presentación, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu a benvida aos asistentes á “cidade do deporte”, destacando a capacidade da vila para acoller eventos de gran nivel e subliñando que o deporte “é saúde e forma parte dunha sociedade cohesionada”. O rexedor animou a todos os afeccionados a achegarse a Pontevedra durante a Semana Santa para desfrutar da competición e da cidade, ao tempo que expresou o seu desexo de que, nun futuro próximo, grazas ao traballo do Leis Pontevedra, un equipo local poida estar disputando estas finais.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quixo agradecer á Federación e aos clubs a súa presenza, facendo unha mención especial ao esforzo do Leis Pontevedra e á unión co Cidade de Pontevedra no impulso do fútbol feminino. Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, eloxiou o traballo da RFGF por conseguir unha competición tan equilibrada entre homes e mulleres, sinalando que o fútbol sala galego é “un referente a nivel nacional” e que Pontevedra volve ser unha vez máis “a capital do deporte”.

No acto tamén estivo presente o presidente da RFGF, Pablo Prieto, quen cualificou a xornada de “histórica” polo regreso da Copa Galicia a unha cidade coa profunda tradición de fútbol sala que ten Pontevedra, lembrando a época dourada do Leis e do Rías Baixas. Prieto puxo en valor a excelente saúde deste deporte en Galicia, que conta actualmente con 20.000 licenzas das 120.000 totais da Federación, e destacou o nivel dos catro proxectos finalistas que pelexarán polo trono galego.

Os capitáns e directivos dos catro equipos finalistas amosáronse ilusionados coa cita, augurando dúas finais moi disputadas e animando ás súas respectivas afeccións a encher as bancadas do Pavillón Municipal para vivir a gran festa do fútbol sala galego.

Compartir publicación: