O BOPPO publica hoxe a aprobación definitiva do orzamento municipal de Pontevedra para 2026 

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publica hoxe a resolución coa aprobación definitiva do Orzamento Xeral do Concello de Pontevedra para o exercicio 2026, así como do seu correspondente cadro de persoal. Tal e como recollen as bases, as novas contas municipais entran plenamente en vigor unha vez publicado no boletín provincial.

Este trámite definitivo prodúcese despois de que o Pleno da corporación municipal, na súa sesión do pasado 23 de marzo, acordase a aprobación definitiva tras desestimar a única reclamación presentada durante o período de exposición pública..

O documento que hoxe adquire oficialidade plena sitúa o orzamento propio do Concello de Pontevedra nun total de 103.768.000 euros, tanto no estado de ingresos como no de gastos. Esta contía supón un incremento do 5,21 % con respecto ás contas de referencia do exercicio anterior.

O orzamento 2026 destaca por un marcado carácter investidor e unhas finanzas saneadas. O groso das contas concéntrase nas operacións correntes, cun total de 88.464.064,4 euros, que permiten dar cobertura ao funcionamento ordinario dos servizos. Ao mesmo tempo, prodúcese un notable aumento do 24,3 % no capítulo de investimentos reais, que dispón de 14.976.640,07 euros para acometer novos proxectos na cidade. A robustez das contas queda tamén patente na área das operacións financeiras, onde o Concello reduce a cero euros os seus pasivos financeiros para o actual exercicio.

Compartir publicación: