A sexta edición da proba BTT “Costa Atlántica” reunirá en Pontevedra a preto de 400 participantes a través de de tres etapas 

A concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías, abriu hoxe a presentación da sexta edición da proba ciclista “Costa Atlántica”, un evento que cualificou de “emblemático” e de gran complexidade técnica. A edil destacou a espectacularidade da competición, facendo especial fincapé no percorrido que atravesa a zona monumental e o casco vello da cidade. Ademais, quixo agradecer o traballo en equipo entre institucións, a Federación Galega de Ciclismo, organizadores (Global DX), patrocinadores, Protección Civil e, de xeito moi especial, ás comunidades de montes polo seu papel fundamental para pór en valor o patrimonio natural.

Pola súa banda, a directora xeral de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda, subliñou a importancia desta colaboración institucional para seguir construíndo a “provincia do deporte”. Aranda vinculou este evento coa estratexia de turismo deportivo da Deputación baixo o lema “Rías Baixas, a túa meta, o teu destino”, destacando que a provincia conta con “estadios naturais” privilexiados para acoller probas deste nivel.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo tomou a palabra para apoiar o evento cunha dobre visión: institucional e como participante. Asegurou que a Costa Atlántica é unha das mellores probas de formato BTT a nivel autonómico e nacional, destacando a posta en valor da riqueza paisaxística, cultural e mesmo gastronómica. Así mesmo, adiantou que o espectacular cambio de trazado na contrarreloxio deste ano é un dos grandes atractivos.

Tres etapas e impacto internacional

Dende a organización da proba, detalláronse as novidades e o percorrido desta sexta edición, que centralizará todas as súas saídas e chegadas na Praza da Ferraría. A competición dividirase en tres xornadas:

  • Venres (10 de abril): Unha crono nocturna urbana duns 3 quilómetros polo casco antigo pontevedrés, mantendo o espectacular descenso polas escaleiras de San Telmo.
  • Sábado (11 de abril): Unha etapa maratón de 77 quilómetros e 1.300 metros de desnivel positivo que pasará pola Armenteira, O Salnés, As Telleiras e Castrove.
  • Domingo (12 de abril): Un percorrido máis esixente cara ao Morrazo (zona do lago Castiñeiras e A Paralaia) de 64 quilómetros e 1.500 metros de desnivel, que culminará cunha “pasta party” e a entrega de maillots.

A proba está a ser un éxito de convocatoria, achegándose aos 400 participantes rexistrados, coas inscricións aínda abertas ata finais de mes. Máis da metade dos ciclistas proceden de fóra, contando con presenza internacional de países como Portugal, Luxemburgo, Suíza e Holanda, ademais de deportistas chegados dende multitude de comunidades autónomas españolas como Asturias, Baleares, Canarias, País Vasco, Estremadura e Cataluña.

Este grande evento deportivo fará gala da súa magnitude atravesando 12 concellos (Pontevedra, Barro, Bueu, Cambados, Cangas, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Poio, Ribadumia e Vilaboa) grazas aos permisos e á estreita colaboración de 25 comunidades de montes e de diversas agrupacións de Protección Civil.

Compartir publicación: