Está previsto que se acheguen á cidade unhas 200 persoas, entre profesionais, estudantes, familiares e doentes
O Pazo da Cultura será o espazo escollido para acoller as distintas actividades formativas, na xornada do 9 de maio
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou as XXIV Xornadas Interdisciplinares de FAGAL (Federación Galega de Alzheimer e outras demencias), que se celebrarán por primeira vez na cidade o vindeiro 9 de maio no Pazo da Cultura. Na comparecencia estivo acompañado por César Bugallo Carrera, presidente de FAGAL, e José Manuel Fontenla, presidente de Alzheimer Pontevedra (AFAPO).
O rexedor amosouse encantado de que Pontevedra acolla este ano a cita formativa, destacando que “é unha cidade que se preocupa moito das persoas e de manter unha calidade urbana que facilite a saúde pública”. O evento, que prevé unha asistencia dunhas 200 persoas, está concibido como un espazo formativo dirixido a profesionais sociosanitarios, estudantes, familiares e doentes.
Pola súa banda, César Bugallo detallou que estas xornadas, declaradas de interese sanitario, contarán cunha vertente teórica e outra práctica. A programación incluirá unha mesa internacional centrada na atención ás persoas con alzhéimer en Portugal, con tres profesionais de referencia do país veciño. Ademais, impartiranse tres obradoiros centrados na toma de decisións no eido da dependencia, na validación de terapias non farmacolóxicas e na promoción da empatía coas persoas maiores, rematando o acto cun relatorio motivacional a cargo dun psicólogo positivista.
O presidente de AFAPO, José Manuel Fontenla, subliñou a necesidade de combinar a medicación coas terapias non farmacolóxicas (estimulación neuronal, arteterapia, musicoterapia) que xa veñen desenvolvendo nos seus centros. Fontenla destacou como “un cambio brutal” a chegada dun novo medicamento que ofrece un 30-35% de eficacia, o que pode supoñer ata 8 ou 9 anos de autonomía para os pacientes.
Tanto FAGAL como AFAPO agradeceron ao Concello a súa colaboración desinteresada e a cesión dos espazos. As persoas interesadas en asistir a este evento formativo poden inscribirse a través da páxina web xornadas.fagal.org.