O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores salientou a circunstancia de que IBBY España escollera por segunda vez consecutiva o Salón do Libro para a entrega dos Premios Lazarillo porque “é o mellor marco posible para facelo”
Lores confirmou o éxito absoluto tanto pola cifra de asistentes con 22.0063 persoas e o alcance en redes sociais con 750.000 impactos como polo desenvolvemento impoluto e operativa impecábel
O evento fixo este ano arriscadas e exitosas apostas escollendo Palestina como país convidado, ou seleccionando unha nova empresa responsable da ambientación, VacíoCero.
Tamén entre as novidades, que tras a excelente acollida chegaron para quedar, estiveron o replantexamento do espazo na Troca de Libros ou a creación do Orbil Fest e a foliada infantil.
Outras cifras destacadas da edición foron os preto de 4.500€ recadados para Palestina mediante os eventos con entrada solidaria
De cara ao 2027 o alcalde avanzou un proceso participativo para a selección da temática, implicando profesorado e público a través das redes.
O alcalde de Pontevedra compareceu esta mañá para facer unha valoración da 27º edición do Salón clausurada o pasado domingo 22 de marzo logo de 17 días de intensa actividade.
Como punto de partida Lores apuntou o feito de que IBBY España seleccionara dous anos seguidos este evento de literatura infantil para a entrega dos seus premios: “Hai un feito neste Salón é que a organización dos Premios Lazarillo de Literatura Infantil e Xuvenil nas catro linguas do Estado, escollera por segundo ano consecutivo este evento. É unha cuestión que a min me fixo preguntarlles o porqué e dun xeito moi claro dixeron que era o mellor marco para facelo. Isto é grazas a que levamos 27 edicións de traxectoria, mellorando de ano en ano. É un orgullo para Pontevedra que nesta nesta edición durante 17 houbera nenos, nenas, profesorados e moitas empresas de Pontevedra estiveran implicados neste evento que é un gran referente. Parabéns a todos os que o fan posible”.
Iniciou a valoración o apuntando que “esta foi unha edición con cambios valentes e de éxito absoluto en todos os niveis, cunha acollida familiar masiva e unha operativa implecábel”.
Logo de agradecer o traballo ás diferentes empresas e creadoras e creadores que o fixeron posible, pasou a debullar os 4 puntos innovadores desta edición:
- A ambientación levada a cabo por primeira vez e con moito éxito pola empresa Vacío Cero, que “superou todas as expectativas”.
- O replantexamento do espazo na Troca de Libros, cunha ampliación notable que facilitou a participación e intercambio de máis de 12.000 exemplares.
- A escolla arriscada do país convidado, Palestina. “Era moi necesario falar deste tema, pero era unha problemática complexa de explicar ás crianzas”
- Os novos formatos: a creación do Orbil Fest e a foliada infantil que “terán continuidade pola resposta exitosa que tiveron ambas”.
Lores apuntou á cuestión cualitativa do Salón, cun cambio de paradigma que implica un descenso no número dos grupos de escolares, dando prioridade á calidade das visitas dirixidas aos centros de ensino. “Tivemos 22.000 visitas, só 2.000 menos das que anunciamos como récord no ano 2024. Esta pequena baixada vén dada polas dúas xornadas non lectivas que impediron a asistencia dos colexios e tamén porque reducimos o volume das visitas escolares, para garantir unha altísima calidade”.
Entre as cifras destacadas, amais dos 22.063 asistentes dos que máis de 3.000 foron escolares, destacou o elevado alcance das redes sociais con máis de 750.000 impactos entre Facebook e Instagram “especialmente dentro da comarca pero con expansión. Estas cifras que responden a un cambio na estratexia dixital triplicaron as de anteriores edicións e bateron récord. Tamén cabe destacar a elevada participación nas actividades, que superou o 85% de media e tamén o volume de reservas anticipadas a través da web do Salón, con preto do 95% das prazas esgotadas. Como non os máis de 4.500€ recadados para as crianzas de Palestina cos eventos con entrada solidaria”.
Lores rematou a súa intervención salientando que “hai un consenso unánime, a xente opina que non hai ningunha programación como esta e a caixa de suxestións parabeniza a oferta e as empresas e creadores” e coa mirada posta xa na vindeira edición: “empezamos xa a preparar o ano 2027 que será coma sempre cun proceso participativo, con implicación do profesorado e a través das redes sociais para escoller xuntos o tema central”.