O Concello emite o bando de prevención de incendios forestais e insta á limpeza de terreos antes do 31 de maio de 2026

O Concello de Pontevedra vén de facer público o novo bando da Alcaldía que obriga ás persoas propietarias de terreos e soares a mantelos nas debidas condicións de limpeza para evitar os incendios forestais. Esta obriga de xestión da biomasa e roza das parcelas terase que executar, como data límite, antes do vindeiro 31 de maio de 2026.

O bando lembra á veciñanza que coa chegada da tempada estival e a proximidade da época de alto perigo de lumes, é un deber conservar as propiedades en condicións de seguridade e salubridade, mantendo a masa vexetal de forma que se evite a erosión e a propagación de incendios.

En cumprimento da normativa autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, os propietarios, así como as administracións e entidades titulares de infraestruturas, teñen que xestionar a biomasa forestal nunha franxa perimetral de 50 metros arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Esta necesidade de limpeza tamén é de obrigado cumprimento nos 50 metros ao redor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións industriais que estean a menos de 400 metros do monte.

Para garantir a máxima seguridade, o bando recalca que nestas faixas de protección de 50 metros non poderá haber maleza nin árbores de especies consideradas pirófitas ou invasoras, tales como o piñeiro, a mimosa, a acacia, o eucalipto, a xesta, o fento, a silva ou o toxo.

O Concello, a través do Plan de actuación municipal contra incendios forestais aprobado en xaneiro de 2023, vixiará o cumprimento destas obrigas nas redes de faixas de xestión e nos puntos potencialmente perigosos. No caso de que se detecten incumprimentos da limpeza pasada a data límite do 31 de maio de 2026, tramitaranse as correspondentes ordes de execución e expedientes sancionadores e, de ser necesario, procederase á execución subsidiaria dos traballos a costa do peto da persoa propietaria.

Compartir publicación: