O Concello e os clubs deportivos avanzan de forma conxunta na reforma do campo de fútbol e rugby de Monte Porreiro

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, reuniuse co Mareantes Rugby Club, o Pontevedra Rugby Club e a SD Monteporreiro para recoller as súas propostas de mellora

A actuación enmárcase na activación dos fondos europeos FEDER da EDIL, que suporán un investimento de máis de 10 millóns de euros na transformación integral e na mellora dos equipamentos do barrio. 

O Concello de Pontevedra mantivo a semana pasada unha xuntanza de traballo cos clubs deportivos que fan uso habitual do campo de fútbol e rugby de Monte Porreiro para integralos no deseño da súa inminente reforma. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, acompañada polo responsable do departamento municipal de Deportes, Jaime Agulló, e o xefe da Oficina Técnica de Arquitectura, Ángel Velando, reuniuse con representantes do Mareantes Rugby Club, do Pontevedra Rugby Club e da Sociedad Deportiva Monteporreiro.

O obxectivo principal desta primeira toma de contacto foi informar ás entidades de que a reforma do campo de Monte Porreiro xa está en marcha co próximo inicio da redacción do proxecto, subliñando a vontade do Goberno Local de contar coa opinión e as achegas dos clubs desde o primeiro momento. Durante a xuntanza, os representantes deportivos trasladaron as súas principais necesidades, facendo fincapé na renovación do estado do céspede, na adecuación dos vestiarios, na mellora do aparcadoiro e na optimización da iluminación, asuntos que tamén están nas necesidades municipais.

A renovación do campo municipal de fútbol e rugby e da súa contorna contará cun orzamento inicial de 1.190.000 euros. As previsións municipais xa incluían a renovación do pavimento deportivo, a construción dunha nova bancada e de novos vestiarios, así como o acondicionamento da parcela e das áreas de estacionamento próximas. Amais destas melloras nas instalacións actuais —que xa contan co campo de xogo e unha cancha para deportes urbanos—, a intervención incorporará un parque de uso complementario ás infraestruturas deportivas coa posibilidade de engadir pequenas dotacións deportivas urbanas de acceso libre para a veciñanza, garantindo a perfecta integración ambiental coa contorna.

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, valorou moi positivamente o encontro e destacou o compromiso do Goberno Local co deporte base e coa veciñanza: “Para nós é fundamental que o deseño desta reforma naza da escoita activa e responda ás necesidades reais das e dos deportistas que empregan as instalacións a diario. Queremos que estes equipamentos sigan sendo unha referencia para todo o concello e, para iso, o traballo man a man cos clubs é imprescindible”. 

Neste sentido, a concelleira confirmou o seu compromiso de volver reunirse coas directivas destas entidades unha vez que o proxecto estea redactado, co fin de analizalo conxuntamente e avaliar se fose necesario realizar algún cambio para adaptalo mellor á súa realidade e actividade diaria.

O proceso de contratación para a redacción do proxecto de mellora do campo iniciarase nestas vindeiras semanas.

Activación dos fondos europeos EDIL

Esta reunión intégrase dentro da xeira de contactos que o Concello está a desenvolver co tecido social e, neste caso, deportivo do barrio para activar as actuacións financiadas cos fondos europeos FEDER dentro da EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local). O barrio de Monte Porreiro é un dos grandes beneficiados deste plan europeo, ao concentrar un investimento de máis de 10 millóns de euros (o 55% do total do plan municipal) que permitirá cambiar radicalmente a súa fisionomía e a calidade de vida da veciñanza.

Ademais de impulsar a reforma do campo de fútbol e rugby, a inxección dos fondos EDIL fará realidade outras grandes infraestruturas que transformarán o barrio. Entre o resto de proxectos beneficiados, cuxa posta en marcha avanza en paralelo, atópase a construción do novo e vangardista pavillón deportivo de tenis de mesa (que xerará unha grande praza pública e zona verde na súa cuberta), a rehabilitación do centro social, e a creación dunha aula Smart TIC comunitaria. Asemade, levarase a cabo unha reforma urbana integral do espazo público que conectará todos estes equipamentos, incluíndo a mellora dos servizos soterrados deficitarios das rúas principais e a súa total reforma en superficie.

Compartir publicación: