A actuación abranguerá a mellora da rodadura, pintado, sinalización e instalación de redutores de velocidade en máis de 191.000 metros cadrados.
Os traballos dividíronse en catro lotes (centro, barrios, polígonos e rural) adxudicados a E.C.Casas e COVSA.
A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, cualificou como “a maior inversión económica en seguridade vial e mantemento da rede viaria do concello de Pontevedra”.
A actuación saíu a licitación por un importe de 5.494.531 euros e foi adxudicada finalmente por algo máis de 4,4 millóns de euros (4.444.436 euros). As obras teñen un prazo de execución de catro meses e quince días, pero o alcalde adiantou que “dependerá tamén do tempo”, xa que este tipo de asfaltados en quente non se poden facer con temperaturas baixas ou chuvia.
Segundo explicou Fernández Lores, o proxecto supón unha intervención integral: “é unha mellora que vai a afectar á mellora dos firmes, a mellora da señalización tanto horizontal como vertical e tamén a mellora da seguridade vial repoñendo ou poñendo máis redutores de velocidade para garantizar a seguridade viaria”.
En total, actuarase sobre unha superficie de 191.304,5 metros cadrados. Para dimensionar a envergadura dos traballos, o alcalde apuntou que “máis ou menos calculamos que son case cerca de 40 km lineais de rehabilitación de firmes” e corroborou que “é a maior actuación nunca feita nese sentido”.
O proxecto dividiuse en catro grandes lotes de contía similar que cobren a práctica totalidade do concello, adxudicados ás empresas E.C. Casas e COVSA:
Lote 1: Centro urbano (Adxudicado a E.C. Casas por 1.139.371 euros) Neste ámbito acometeranse 33 actuacións sobre unha superficie de 49.977,3 m². As melloras chegarán a rúas neurálxicas e contornas da cidade como a praza de Galicia, a Alameda, a avenida de Vigo, Bos Aires, Eduardo Pondal, 12 de novembro, San Xosé e Marqués de Riestra, entre outras.
Lote 2: Barrios e periurbano (Adxudicado a E.C. Casas por 1.108.375 euros) Esta sección suma un total de 46.663,7 m² de superficie a través de 16 actuacións que conectan as áreas urbanas coa periferia. As máquinas traballarán en zonas como Monte Porreiro, A Parda, Estribela ou O Burgo, abarcando viarios como A Seca, Fontesanta, Ponte Muiños e Juan Bautista Andrade.
Lote 3: Parques empresariais (Adxudicado a COVSA por 1.072.004 euros) Os polígonos industriais dependentes do concello tamén verán rehabilitada a súa capa de rodadura no 100% da superficie delimitada. Trátase de dúas grandes actuacións que suman 43.806,3 m², localizadas nos parques empresariais do Campiño e O Vao.
Lote 4: Medio rural (Adxudicado a COVSA por 1.124.685 euros) A intervención estenderase “practicamente a todas as parroquias” a través de 46 actuacións, acadando unha superficie de 50.857,2 m². As obras chegarán a lugares de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Campañó, Mourente, Bora, Salcedo, Tomeza, Lourizán ou Lérez.