O Concello abre o vindeiro luns o prazo para solicitar postos na tradicional Feira das Palmas dos días 27 e 28 de marzo 

A Concellaría de Promoción Económica, dirixida por Anabel Gulías, informa da organización da tradicional Feira das Palmas, que este ano se celebrará os días 27 e 28 de marzo. Como todos os anos, será previa á celebración do Domingo de Ramos do 29 de marzo.

O departamento municipal fixou as directrices para a adxudicación dos postos de venda das palmas. O prazo para solicitar un posto estará aberto desde este vindeiro luns, día 16, ata o venres 20 de marzo.

Todas as persoas interesadas en participar como vendedoras nesta cita deberán seguir un procedemento específico habilitado polo Concello de Pontevedra:

  1. Retirada da solicitude: As persoas interesadas deben acudir presencialmente á oficina de Administración do Mercado, situada no primeiro andar do Mercado Municipal, para retirar o impreso de solicitude correspondente.
  2. Liquidación e rexistro: Posteriormente, deberán liquidar a taxa municipal asociada ao posto e presentar o xustificante dese pagamento no Rexistro do Concello para formalizar a súa participación.

Esta comunicación xa foi posta en coñecemento dos vendedores e vendedoras para que poidan planificar a súa participación.

Compartir publicación: