O Concello inviste máis de 127.000 euros neste novo espazo de 650 metros cadrados, deseñado con criterios de accesibilidade universal e seguridade.
A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde subliña que o parque cumpre cun compromiso adquirido coa veciñanza para dar resposta ao crecemento de poboación no barrio de Valdecorvos.
O Concello de Pontevedra avanza na construción da nova área de recreo na praza das Regas, situada no barrio de Valdecorvos. A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, acompañada polo concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, visitou esta mañá a zona para comprobar a evolución duns traballos que dotarán á veciñanza dun espazo de xogo e convivencia de 650 metros cadrados.
Durante a visita, Eva Vilaverde destacou que esta actuación “responde a unha demanda veciñal importante provocada polo aumento de veciños e veciñas na zona”. Subliñou que a creación deste parque “era un compromiso que tiñamos adquirido coa veciñanza e que empeza a ter forma”.
O novo espazo, cuxa obra foi adxudicada a Better Design S.L. por un importe de 127.534 euros tras saír a licitación por 145.000 euros, atópase na súa recta final. Segundo explicou Vilaverde, “os diferentes xogos xa están instalados” e o seguinte paso é a instalación dun pavimento de caucho. A previsión é que a actuación estea completamente rematada nun mes.
O proxecto contempla un recinto totalmente pechado no seu perímetro e dividido en dúas zonas diferenciadas: unha destinada á rapazada menor de 6 anos e outra para maiores desa idade. Contará con elementos dinámicos e inclusivos, e complementarase con novo mobiliario urbano e zonas de estancia pensadas para o confort das familias acompañantes.
Ademais, a alcaldesa en funcións incidiu en que “vai quedar un parque con accesibilidade garantida e con seguridade” e adaptado ao terreo.
A creación deste novo parque na praza das Regas enmárcase dentro da estratexia da Concellaría dirixida por Xaquín Moreda de promover a creación de novas áreas infantís e a ampliación das existentes, un traballo que se desenvolve en paralelo á posta a punto que o Concello está a realizar nos diferentes parques do municipio para garantir a súa seguridade e adaptación normativa.