O Concello propón que a Deputación xestione o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais para aumentar a súa oferta cultural 

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez detallou que a reapertura inmediata é “imposíbel” polos altos niveis de gas radon e estúdase un sistema de ventilación que non cause impacto patrimonial na Praza de Santa María. 

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, deu conta hoxe dos asuntos tratados na comisión de Cultura e Benestar, que centrou o seu debate no futuro do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA). Na sesión aprobouse por unanimidade unha moción promovida polo Partido Popular e emendada polo Bloque Nacionalista Galego, na que se acorda negociar coa Deputación de Pontevedra a cesión deste espazo museístico.

Segundo explicou o concelleiro, a vontade do Goberno local é lograr unha xestión unificada do CITA xunto co Palacete das Mendoza, unha instalación onde a Deputación xa dispón de persoal, o que garantiría un mellor funcionamento e un maior coñecemento da historia da cidade para os visitantes. “En Pontevedra hai o museo máis importante de Galiza e non hai ningún motivo para competir con el”, sinalou Gómez. 

A proposta de cesión do CITA xa lle fora trasladada ao presidente da Deputación na súa primeira visita institucional do mandato no ano 2023, aínda que polo de agora o Concello non recibiu resposta.

Respecto á esixencia inicial do Partido Popular de reabrir o centro de maneira inmediata, Demetrio Gómez foi taxativo ao afirmar que agora mesmo é “imposíbel”. Aínda que o problema coas máquinas de deshumidificación e climatización xa foi resolto, o Concello está a traballar na mitigación do gas radon. O responsable de Cultura quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade, aclarando que non existe ningún perigo para os visitantes do centro, pero advertiu de que a concentración de radon supera os 300 bequerelios por metro cúbico. Esta cifra sitúase por riba das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Para facer fronte a esta situación, o Concello encargou un informe a unha empresa especializada que propón un sistema de ventilación que conseguiría reducir os niveis de radon a pouco máis de 100 bequerelios por metro cúbico, unha cantidade que xa non suporía ningún problema. O proceso atópase na fase de comprobación se este modelo teórico se pode levar á práctica. O reto, tal e como detallou o edil, é atopar a forma de instalar os tres puntos de ventilación necesarios sen xerar un impacto estético ou patrimonial na praza de Santa María.

Compartir publicación: