O Concello executa obras de emerxencia no CEIP A Xunqueira 1 para acabar coas inundacións 

O Goberno Local de Pontevedra vén de aprobar o inicio das obras de emerxencia no sistema de saneamento municipal correspondente ao colexio CEIP A Xunqueira 1, co obxectivo de diminuír o risco de inundacións no centro educativo.

As intensas e persistentes chuvias rexistradas nos últimos temporais provocaron episodios de asolagamento nas instalacións, polo que os servizos técnicos municipais estudaron as causas e determinaron a necesidade de actuar nas cotas de recollida das augas pluviais. A actuación consistirá en subir o nivel das tubaxes o máximo posible para optimizar a evacuación da auga.

A obra foi adxudicada á empresa Viaqua cun orzamento de 135.213,23 euros e terá un prazo de execución de tres meses. O Concello de Pontevedra está a realizar esta intervención de maneira coordinada cos técnicos da Xunta de Galicia, que á súa vez xa comezaron as obras no interior do colexio. A comunidade educativa xa foi debidamente informada destes traballos.

Compartir publicación: