A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, e a concelleira de Turismo, Anabel Gulías, visitaron esta mañá a Xunqueira da Gándara para comprobar o resultado dos traballos.
O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.
A alcaldesa en funcións e tenente de alcalde, Eva Vilaverde, xunto coa concelleira de Promoción Económica e Turismo, Anabel Gulías, visitaron esta mañá a Xunqueira da Gándara (coñecida tamén como de Alba) para comprobar o remate da nova iluminación da senda natural. A intervención, que se enmarca nun proxecto global coa Illa do Covo, aposta pola tecnoloxía LED para acadar unha mellora substancial do servizo, un importante aforro enerxético e un absoluto respecto á fauna da contorna.
Durante o percorrido, Vilaverde explicou o obxectivo global desta obra enmarcándoa “dentro da estratexia que estamos levando a cabo dende o Concello de Pontevedra de mellorar a iluminación tamén dende o punto medioambiental”. A tenente de alcalde subliñou que se trata da resposta a “unha obra moi demandada polos usuarios e usuarias que fan uso desta senda tanto como para camiñar, pasear por esta zona, pero tamén para facer deporte”.
O proxecto da Xunqueira da Gándara consistiu na renovación de 35 puntos de luz, substituíndo as antigas lámpadas por equipos LED modernos, pero tamén se realizou “unha mellora da estética porque se fixo un tratamento das propias farolas, melloramos as columnas e a propia instalación eléctrica subterránea”, segundo indicou Eva Vilaverde.
Un dos puntos fundamentais do proxecto foi adaptar os niveis de luz ao contorno natural, evitando a intrusión lumínica nos espazos de descanso e cría dos animais. Asegurou Vilaverde que o novo sistema “nos permite xogar coa intensidade e respectar a fauna que hai nesta zona”.
O cambio de tecnoloxía supuxo unha redución drástica do consumo. “Conseguimos un aforro de case 32 toneladas de emisións de CO2 ao ano, a redución da potencia instalada e un aforro de case 62.000 kW ao ano”, detallou a alcaldesa en función, quen dixo que no Goberno estamos “contentas co resultado” desta mellora integral nunha área “moi utilizada pola veciñanza de Pontevedra”.
Un proxecto integral xunto á Illa do Covo
A modernización lumínica da Xunqueira da Gándara forma parte dun contrato máis amplo adxudicado á empresa SETGA por un importe de 198.536,8 euros. Esta actuación tamén incluíu a mellora e substitución doutras 102 luminarias no parque da Illa do Covo, xunto coa dotación de novas liñas de servizo para a escola infantil e a iluminación específica de elementos escultóricos como o de Anne & Patrick Poirier e o “Cielo Acortado”.
A mellora da iluminación destes parques está financiada a través dos fondos europeos NextGenerationEU, enmarcados no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) do Concello de Pontevedra.
Dentro deste mesmo financiamento europeo atópase a nova senda cara ao parque forestal da Tomba. Este proxecto, que vén de ser adxudicado recentemente á empresa Zona de Obra O Rosal S.L. por un orzamento de 158.954,25 euros, consistirá na creación dun “corredor ecolóxico recreativo” de 1,8 quilómetros. A futura senda, que arrancará á altura do miradoiro de aves mediante unha nova pasarela de madeira sobre a marisma, permitirá conectar a Xunqueira da Gándara co citado parque forestal, garantindo un tránsito plenamente seguro e accesible tanto a pé como en bicicleta.