“A colocación dos colectores poderá ser modificada en función do uso que poidan ter e poderán ampliarse”, avanza o concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda.
O Concello de Pontevedra vén de facer balance da recollida de aceite doméstico usado tras o peche dos dous primeiros meses do ano 2026, rexistrando unhas cifras que confirman a consolidación e boa acollida deste servizo entre a veciñanza. Durante os meses de xaneiro e febreiro recuperáronse un total de 2.192 quilos deste residuo seguindo unha tendencia á alza ao pasar dos 1.030 quilos recuperados no mes de xaneiro aos 1.162 quilos acadados en febreiro. Cabe lembrar que o rexistro global de 2025 foi de 2.083 quilos tratados.
O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, encargado da xestión de residuos no concello, quixo poñer en valor a excelente resposta da veciñanza, destacando “a boa acollida que está a ter esta nova proposta de reciclaxe que é a primeira vez que se oferta con carácter global en todo o territorio do concello”. Tamén lembrou que a rede de colectores está pensada para dar a mellor resposta posible e adaptarse ás demandas da cidadanía por iso “a colocación dos colectores poderá ser modificada no futuro tendo en conta que poden ser recolocados en función do uso que poidan ter e, incluso, poderán ampliarse o número que están instalados”, aclarou Moreda.
A recollida realizouse a través dos distintos colectores distribuídos de xeito estratéxico por todo o municipio. No ámbito urbano e periurbano, destacan os depósitos situados no Mercado de Abastos, paseo de Colón, praza de Barcelos, rúa Rodríguez Seoane, Virxinia Pereira Renda, Eduardo Pondal, praza de Ponte Boleira, María Victoria Moreno, a intersección de Joaquín Costa con José Casal, rúa Alemaña e Avenida de Vigo.
A rede tamén ten unha forte implantación nas parroquias do rural, prestando servizo en lugares de convivencia veciñal de Lérez, Cerponzóns, Alba, Campañó (Sabarís e local social de Cabaleiro), Lourizán, Tomeza, Marcón, Salcedo, Verducido, Santa María de Xeve, Santo André, Bora, Mourente, Ponte Sampaio, Canicouva e a praza de Estribela. A estes puntos súmase tamén o Punto Limpo Fixo situado nas instalacións da empresa concesionaria do servizo de xestión de residuos Prezero, no Campiño.
Cómpre lembrar que a recollida deste residuo está xestionada pola cooperativa de traballo social Mulleres Colleiteiras. Este proxecto ten un dobre valor: por unha banda, xera emprego para persoas vulnerables ou en risco de exclusión social e, por outra, garante un circuíto de economía circular transformando o aceite recollido en biodiésel, un combustible sostible e renovable.