A empresa Construcciones E.C. Casas executará a actuación tras presentar a mellor oferta.
O alcalde avanza que as obras comezarán nun prazo de nove a once semanas, poñendo fin a unha longa e complexa tramitación administrativa para mellorar a calidade de vida do barrio.
O proxecto unificado de reurbanización da rúa Rosalía de Castro e a construción da nova vía de conexión coa avenida de Marín encara a súa fase definitiva. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou hoxe que a execución dos traballos foi adxudicada á empresa Construcciones E.C. Casas S.L. por un importe total de 3.063.528 euros, o que supón unha baixa do 15 % respecto ao orzamento base de licitación, que ascendía a máis de 3,7 millóns de euros.
Fernández Lores detallou os prazos que manexa a Administración local para o comezo dos traballos. O inicio sitúase “entre nove e once semanas, mentres se fan os trámites administrativos pertinentes”, aclarou e amosou a súa satisfacción por desbloquear definitivamente esta actuación estratéxica para a cidade: “Avanzamos nunha obra fundamental, necesaria e cunha tramitación longa e complexa que vai a mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza de Mollavao”, subliñou.
Cómpre lembrar que este proxecto unificado agrupa dúas actuacións interdependentes para garantir a correcta ordenación do tráfico no acceso oeste á cidade. A intervención divídese nas seguintes partes:
- A nova vía de conexión (Avenida de Marín – Rosalía de Castro). Construirase unha nova ligazón transversal de aproximadamente 100 metros de lonxitude sobre a parcela de Costas coñecida como a “parcela dos circos”. Esta infraestrutura disporá de dous carrís de circulación de 3,50 metros e beirarrúas de 3 metros, resolvendo as interseccións mediante dúas novas glorietas para calmar o tráfico.
- A mellora de accesibilidade en Rosalía de Castro: O treito comprendido entre a rúa Manuel del Palacio e a ponte do ferrocarril sufrirá unha reforma integral. A calzada reducirase a un único carril de sentido saída (o tráfico de entrada desviarase pola nova vía), o que permitirá ampliar as beirarrúas para o tránsito peonil e renovar todos os servizos básicos. Ademais, crearanse dúas grandes zonas de coexistencia con prioridade peonil: unha fronte á praza de Mollavao e outra diante do colexio Juan Sebastián Elcano.
A materialización desta obra pon o broche a anos de xestións interadministrativas coa Xunta de Galicia, Costas, Adif e a Deputación provincial, institución que achega o financiamento para a execución da nova vía de conexión en virtude do convenio de colaboración asinado co Concello. Deste xeito, recupérase para o uso público e veciñal un espazo urbano ata o de agora moi degradado.