Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá os traballos, adxudicados por máis de 5,3 millóns de euros ás empresas pontevedresas Ramírez e Covsa, que dotarán á cidade de 34.000 novos metros cadrados de esparexemento.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acompañado doutros edís do seu Goberno, visitaron esta mañá as obras do futuro parque urbano situado á beira da estación do tren, no barrio da Parda. Durante o percorrido sobre o terreo, o rexedor amosouse satisfeito cos avances e destacou a magnitude do proxecto: «estamos comprobando que efectivamente está avanzando moi ben e que vai a ser realmente o parque máis grande da cidade, incluso máis que a Alamda e as Palmeiras».
Aínda que o obxectivo é que a veciñanza poida gozar deste novo espazo o antes posible, o alcalde explicou os retos técnicos aos que se enfrontaron as constructoras Ramírez e Covsa, adxudicatarias do proxecto: «Este ano houbo 3 meses de choiva que practicamente foi imposible traballar, agás facer achegas de de terra. Por certo, hai un dato que é espectacular: 100.000 m³ de terra se meteron aquí, e aínda queda algunha por incorporar para nivelar toda esta zona».
Cunha extensión total de 34.650 metros cadrados, o parque transformará radicalmente a contorna incorporando múltiples dotacións. Segundo detallou Fernández Lores, o espazo «vai vai ter de todo: parking infantil, zonas de pradería, unha canle de auga…». Ademais dos espazos de lecer e das áreas deseñadas para xogos urbanos, a contorna contará con máis de 200 prazas de aparcamento de balde distribuídas en dúas zonas estratéxicas para dar servizo tanto ao barrio coma aos xulgados.
Un dos fitos máis importantes desta gran infraestrutura será a súa integración na rede verde do municipio. O alcalde fixo especial fincapé nesta vertebración: «gústame especialmente que desde o leste da cidade, desde a Parda, se poida conectar este parque co Parque Gafos e nos vai a permitir conectar coa ría».
Así mesmo, a intervención xa contempla os traballos previos para o futuro pavillón da Parda. O proxecto deixará listas as conexións necesarias tanto de saneamento como de abastecemento. «Sobre todo preocúpanos que queden os servizos perfectamente ubicados xa para o futuro», explicou o alcalde.
Para concluír, o rexedor quixo pór en valor o impacto que este proxecto, cuxo investimento supera os 5,3 millóns de euros, terá no conxunto da cidadanía: «Estou encantado porque isto vai a significar unha mellora da calidade de vida do barrio da Parda, pero tamén para todo Pontevedra, porque isto é para todo Pontevedra».