O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, informou da presentación de 41 actuacións para a restitución de infraestruturas e equipamentos municipais, destacando as intervencións no Recinto Feiral e no colector do río Gafos.
O concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, anunciou hoxe a tramitación ante o Estado das solicitudes de financiamento para reparar os estragos causados polos fortes temporais deste inverno. O Concello solicitou axudas para 41 intervencións en infraestruturas e equipamentos de titularidade municipal valoradas en 4.037.660,23 euros para repoñer infraestruturas que colapsaron polo efecto directo das precipitacións e o vento.
Entre as intervencións rexistradas destacan varias polo seu importante impacto económico e a gravidade dos danos sufridos:
- Recinto Feiral (750.000 euros): é a actuación de maior envergadura. A partida destínase á substitución da cuberta do inmoble, que sufriu unha forte deterioración pola forza continuada do vento e da chuvia.
- Colector xeral do río dos Gafos (743.074 euros): nas inmediacións da estación intermodal, as sucesivas avenidas de auga e os desprendementos de terras (agravados pola caída de árbores) provocaron a rotura deste colector de saneamento, que deberá ser reposto nun tramo de 260 metros.
- Canalización na Rúa do Santo, en Praceres (270.477 euros): as extraordinarias achegas de auga e os arrastres inutilizaron a canalización subterránea, provocando anegamentos de xeito recorrente que afectaron de forma directa á veciñanza.
- Illa do Cobo (229.295 euros): as inundacións provocaron a degradación e o lavado do firme nos camiños de xabre, estragaron as pradeiras por acumulación de auga e danaron severamente as pasarelas de madeira.
- Pavillón San Bieito de Lérez (208.000 euros): requírese a substitución da súa cuberta polo dano ocasionado tras os temporais.
- Estadio Municipal de Pasarón (150.000 euros): reparación do selado da bancada e do interior do local de Protección Civil, que se viu moi afectado polas pingueiras e filtracións de auga da chuvia.
- Rúa Fernando Olmedo (89.668 euros): os anegamentos superaron a capacidade da rede de pluviais, danando pozos de rexistro e afectando a baixos e garaxes. Instalarase un sistema de aliviadeiros para regular o caudal en condicións extremas de precipitación.
As reclamacións detalladas remitidas á Subdelegación do Goberno tamén inclúe melloras e arranxos noutras instalacións, como diversos centros sociais (Ponte Sampaio, Casa Azul, Campañó), a praia fluvial do Lérez, a contorna da Xunqueira de Gándara e o aglomerado de múltiples camiños do rural que foron lavados polas chuvias.