O evento terá lugar o de xeito presencial o 12 de marzo ás 17.30 na nas dependencias da EOI de Pontevedra e nas seccións de Lalín e Valle-Inclán.
A convocatoria está aberta a calquera persoa maior de 14 anos, alumna ou non da EOI.
O edil de Normalización Lingüística presentou esta mañá acompañado de María Fernández González, directora da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra e Elma Barreiro Abad, secretaria da EOI e membro do EDLG, a vindeira edición do Certame de microrrelato en galego. O evento, que chega á súa 16 edición, terá lugar o 12 de marzo ás 17.30 horas de xeito presencial nas de dependencias de EOI e Pontevedra, Lalín e IES Valle Inclán.
O edil destacou a rede de equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino de Pontevedra “que son un luxo. Son persoas que traballan desinteresada e fan case voluntariado, botando moitas horas. Sen toda esa xente sería imposible manter o traballo e os resultados que se obteñen, xa que na coordinación de todo isto falta un goberno do país que ocupe da Lingua Galega e que teña claros cales son os obxectivos e as necesidades para que ocupe o lugar que precisa. Nese sentido o labor dos equipos de Normalización é intachábel e o equipo de Normalización da EOI realiza un traballo continuado ao longo de todo o ano e leva moitos anos realizando ese traballo do que entre outras cousas naceu estre certame de microrrelato en galego que chega este ano a súa 16ª edición. Para nós é un orgullo colaborar con elas. Quero agradecer que durante todos estes anos sigan a desenvolver esta e outras iniciativas arredor da lingua”.
Pola súa parte a directora da EOI, María Fernández agradeceu ao Concello a “colaboración para sufragar o certame que é o xeito de premiar o talento das persoas que participan e dinamizan a lingua galega a través deste certame. É unha cita habitual no noso calendario cultural que non é unha competición literaria senón unha forma de demostrar que a Lingua Galega está viva e pode ser empregada en calquera contexto cotiá e tamén para a creación artística. É un formato que atrae públicos moi diversos e especialmente xente nova”.
Elma Barreiro, do equipo de Normalización Lingüística, centrouse no certame, aberto a persoas maiores de 14 anos, alumnas ou non da EOI, que terá lugar o 12 de marzo ás 17.30 horas e do que xa se poden consultar as bases. “Serán coma sempre tres palabras como punto de partida e 110 minutos, con 150 palabras de extensión máxima. Ao longo da semana iremos descubrindo que persoas escolleron as palabras desta edición. Persoas de ámbitos moi distintos co amor pola lingua como fío común. Cada dous anos, recompilamos nunha publicación os relatos gañadores.”
