O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, presenta a nova fase de contenerización, destacando que a fracción resto pasa do antigo colector verde ao novo modelo gris.
O Concello enviará 27.000 folletos informativos a todos os domicilios para clarificar os cambios e promover a reciclaxe.
O Concello de Pontevedra avanza no proceso de renovación integral da contenerización de residuos co inicio, esta mesma noite, da instalación dos novos colectores grises (fracción resto). Tras finalizar xustamente hoxe a colocación da totalidade dos colectores verdes para o vidro, a cidade e as parroquias prepáranse para a implantación desta nova fracción que completará o modelo, xunto ao colector marrón de biorresiduos.
O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, explicou esta mañá os detalles desta fase facendo especial fincapé na principal novidade: o cambio de cor da fracción resto. “O novo colector de resto ten unha peculiaridade: antes era de cor verde e agora vai pasar a ser de cor gris”, detallou o edil. Segundo Moreda, “é unha novidade e queremos explicala para clarificar esta nova situación e que a xente non se líe, porque vai desaparecer o verde” destinado ao lixo xenérico.
En total, o novo contrato de residuos contempla a instalación de 3.177 colectores en todo o municipio. No caso específico da fracción resto, instalaranse 885 unidades de carga lateral, ás que se sumarán outras 443 unidades de carga traseira. Estas últimas están pensadas “sobre todo para zonas onde haxa pouco espazo”, engadiu o concelleiro. A instalación realizarase en horario nocturno, procedendo sempre á retirada do colector antigo e á posterior colocación do novo elemento.
Xa se colocaron 498 de cada unha das fraccións de papel/cartón (azul), vidro (verde) e envases (amarelo), e a partir da última semana de marzo, comezarase a instalación do colector de biorresiduos (marrón): 355 unidades. O remate definitivo da implantación de todos os colectores espérase para a última semana de abril.
Campaña informativa
Para acompañar este cambio nas rúas e garantir o éxito do modelo, o Concello pon en marcha unha ampla campaña informativa. O obxectivo primordial, segundo recalcou Moreda, é trasladarlle á poboación que a clave é “separar, separar e separar”, lembrando que “os residuos, se os separamos, convértense en recursos”.
Neste sentido, vanse repartir 27.000 folletos que se buzonearán en todas as vivendas da cidade e do rural. Este material, moi visual e no que cada colector vén coa súa cor identificativa, explica de forma sinxela que se pode depositar e que non en cada contedor. O documento tamén recolle información sobre os 32 colectores de aceite doméstico (que xa se atopan totalmente instalados), a recollida de pilas e os futuros puntos limpos móbiles que se irán desprazando temporalmente por distintos puntos da cidade.
Ademais, no folleto infórmase sobre o novo sistema de recollida de voluminosos. Tal e como explicou Moreda, estase a cambiar o formato: “antes chamábase por teléfono e deixábase ao lado do colector; agora estamos pensando en facelo á demanda, onde a xente vai poder chamar, quedar coa empresa de recollida e entregalos directamente”, mellorando así a imaxe e a eficiencia da recollida.
O concelleiro tamén recordou ao respecto dos composteiros comunitarios que a vindeira semana iniciarase “unha fase de replanteo porque xa temos as localizacións” dos doce novos centros e compostaxe. Cómpre lembrar que o obxectivo é aumentar a rede de 31 a 100 centros comunitarios.