O Concello instalará 12 novos composteiros comunitarios nas vindeiras semanas, acadando os 44 centros en todo o municipio 

O obxectivo final do Goberno Local, no marco do novo contrato de residuos, é chegar á cifra de contar 100 centros de compostaxe comunitaria na cidade
Preto de 200 persoas recollen regularmente o compost xerado nestas instalacións para o seu aproveitamento 

O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta este xoves dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local, centrando boa parte da súa intervención no avance da implantación do sistema de tratamento de residuos no municipio. Segundo anunciou, o Concello instalará nas vindeiras semanas 12 novos centros de compostaxe comunitaria, o que permitirá pasar dos 32 actuais a un total de 44 illas de tratamento.

Esta ampliación enmárcase dentro dos compromisos do novo contrato de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, que ten como obxectivo final ampliar a rede ata acadar os 100 centros de composteiros comunitarios ao longo dos vindeiros anos.

A diferenza dalgúns dos xa existentes (que contan con módulos de 6 ou 10 unidades), todos os novos centros que se van instalar estarán formados por 10 unidades. Ademais, levarán consigo a instalación dun punto de auga, papeleiras e caixóns específicos para o estruturante.

 Aínda que o replanteo exacto farase na vindeira semana ou na seguinte, o alcalde confirmou que as ubicacións dos novos centros xa están decididas. A distribución será a seguinte:

  • Dous centros no barrio de Tafisa.
  • Dous centros na contorna de Augusto García Sánchez e a Praza de Galicia.
  • Un novo centro na contorna da Pasarela, na que se está a actuar actualmente.
  • Un centro no barrio de Valdecorvos (Prado Novo).
  • Un centro na Praza das Camelias (barrio da Parda).
  • Un centro en Mollavao.
  • Un centro en Fontesanta.
  • Un centro en Os Praceres.
  • Un centro en Estribela.
  • Un centro en Ponte Muíños.
  • Ademais, reforzarase o centro xa existente na rúa Alcalde Hevia.

Fernández Lores fixo especial fincapé na importancia da participación cidadá e adiantou que se levarán a cabo campañas informativas en todas as zonas onde se van ubicar as novas illas para dar a coñecer esta recollida de biorresiduos. O alcalde subliñou os grandes beneficios dos composteiros no eido da “economía circular e o quilómetro cero”, destacando que non requiren consumo de enerxía.

O éxito do sistema reflíctese nos datos de uso: actualmente, hai unhas 200 persoas que acoden regularmente aos composteiros comunitarios para recoller o compost e empregalo nos seus hortos. Aínda que a cantidade de biorresiduos recollidos varía segundo a zona, a media de tratamento pode situarse en torno ás 25 toneladas anuais por centro comunitario, con algúns rexistrando entre 15 e 20 toneladas.

A par da expansión urbana, o Goberno local segue a traballar na compostaxe doméstica nas parroquias. Fernández Lores sinalou que se está a facer un seguimento e control exhaustivo dos composteiros individuais nas vivendas do rural, visitando as casas para comprobar o seu correcto funcionamento. O obxectivo da administración municipal é que “a grandísima maioría das casas teñan o seu composteiro” e poidan aproveitar os biorresiduos in situ.

Toda esta expansión lévase a cabo mentres o servizo continúa en fase de implantación, pendente aínda da incorporación de todo o persoal previsto para as rúas, así como dos novos camións e maquinaria de recollida

Compartir publicación: