A iniciativa, impulsada polo concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, e a empresa concesionaria Prezero, servirá para repartir composteiros, explicar os labores de seguimento e lembrar que a compostaxe individual nas parroquias pasa de ser voluntaria a ser obrigatoria para todas as vivendas do rural.
A Concellaría de Servizos Urbanos Básicos, dirixida polo concelleiro Xaquín Moreda, e a empresa concesionaria do servizo de xestión de residuos, Prezero, inicia mañá unha nova campaña informativa no rural pontevedrés centrada na compostaxe individual. Esta iniciativa enmárcase nas prestacións do novo contrato de residuos e ten como principal novidade que a compostaxe individual nas parroquias pasa de ser unha campaña experimental e voluntaria a ser unha acción obrigatoria para todas as vivendas.
O concelleiro Xaquín Moreda fixo un chamamento á colaboración da cidadanía para lograr que os residuos deixen de verse coma lixo “e se convertan en recursos útiles para o noso medio”.
Nestes momentos o persoal de educación ambiental de Prezero está a realizar un “peiteado” das vivendas das 15 parroquias do rural para visitar ás que dispoñen dun composteiro entregado polo Concello en anos anteriores e coñecer como o xestionan, co fin de continuar cos traballos de seguimento e a resolución de dúbidas. Tras esta primeira visita de control, establecerase un calendario de seguimento continuado cunha periodicidade de seis meses.
Dende mañá, o persoal de Prezero tamén inicia un ciclo de charlas nos centros culturais e locais sociais das parroquias en relación á compostaxe individual. Ofrecerá información técnica para obter un bo compost e facilitará un composteiro a todas as persoas que o soliciten nese momento. As vivendas que o reciban e as que xa están incluídas no programa, entrarán na campaña de supervisión realizada polos educadores ambientais de Prezero.
As charlas serán nas seguintes datas e horas:
- Alba – A Devesa: 26 de febreiro de 2026, no Local Social A Devesa (19:00 h).
- Campañó – Sabarís: Venres 27 de febreiro de 2026, no Local social de Sabarís (18:00 h).
- Campañó: Venres 27 de febreiro de 2026, na Casa da Cultura (20:00 h).
- Alba – Reiriz: 28 de febreiro de 2026, no Local social (18:00 h).
- Cerponzóns: 28 de febreiro de 2026, no Centro social Cerponzóns (20:00 h).
- Lérez: Luns 2 de marzo de 2026, na Casa da Cultura (18:30 h).
- San Andrés de Xeve: Venres 6 de marzo de 2026, no Teleclube Xeve (18:00 h).
- Santa María de Xeve: 6 de marzo de 2026, no Local Social (20:00 h).
- Bora – O Pío: Sábado 7 de marzo de 2026, na Antiga Escola do Pío (18:00 h).
- Bora – O Salgueiral: Sábado 7 de marzo de 2026, no Centro cultural O Salgueiral (20:00 h).
Recomendacións para un bo uso do composteiro
A campaña apoiarase en folletos informativos que lembran as normas básicas para compostar correctamente. É fundamental ter en conta que si se poden depositar restos vexetais, froitas e froitos secos (incluídas cascas e mondas), pousos de café, papel de cociña usado ou pequenos restos de madeira sen tratar. Pola contra, non se deben botar alimentos cociñados, carnes, peixes, lácteos, excrementos de animais, produtos sanitarios nin po de varrer.
O procedemento correcto esixe colocar unha base (ou cama) duns 10 centímetros de material leñoso seco, chamado estruturante, para facilitar a aireación. Cada vez que se incorporen biorresiduos húmidos, débese engadir tamén estruturante e remexer ben o material; ademais, recoméndase facer remexidos profundos de cando en vez para evitar a compactación e corrixir, de ser necesario, os niveis de humidade do composteiro.