O Concello adxudica a renovación da iluminación na zona norte e leste da cidade nunha xornada que impulsa obras por máis de 6,2 millóns de euros 

Xusto tras a aprobación dos orzamentos, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que a actividade municipal non para coa celebración de tres mesas de contratación.

Amais da adxudicación do contrato máis grande de iluminación pública do Concello, tamén avanzan a transformación integral de Rosalía de Castro e a nova senda á Tomba. 

Xusto dous días despois da aprobación dos orzamentos máis grandes da historia de Pontevedra, a actividade do Concello non para. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, informou da celebración de tres mesas de contratación sumando entre todas elas un volume de licitación e adxudicación de obras de máis de 6,2 millóns de euros.

O elemento central foi a adxudicación do contrato para a renovación da iluminación pública nos barrios da zona norte e leste do centro urbano. A actuación foi adxudicada á empresa Setga SLU por 2.272.246,90 euros, incluíndo ademais unha ampliación do prazo de garantía até os 5 anos. Esta intervención posibilitará a substitución de 2.304 luminarias convencionais por tecnoloxía LED de alta eficiencia en ámbitos como Cruz Vermella, San Antoniño, Benito Corbal, A Eiriña, A Parda, O Castañal, O Gorgullón ou Eduardo Pondal, entre outros ámbitos.

“Esta adxudicación vainos colocar cun 83 % das luminarias da cidade e do rural cambiadas a LED”, destacou o alcalde sobre a importancia do proxecto, subliñando que Pontevedra é “unha das cidades que ten máis avanzado este proceso”. O rexedor puxo en valor que esta modernización supón unha mellora substancial da iluminación xeral e un avance vital na loita contra o cambio climático. Os datos reflicten que a intervención logrará un aforro do 77 % do consumo eléctrico, pasando de 1.607.254 kWh/ano a unicamente 356.492 kWh/ano, e diminuirá as emisións contaminantes en 651,69 toneladas de CO2 anuais. Está previsto que as obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, comecen ao longo do vindeiro mes de marzo.

Apertura económica da reforma de Rosalía de Castro e Mollavao

A actividade continuou coa apertura das ofertas económicas e a valoración técnica do agardado proxecto de reforma de Rosalía de Castro e a construción do novo acceso a Mollavao. Esta actuación estratéxica, que conta cun orzamento base de licitación de 3.726.621,23 euros, logrou a concorrencia de seis empresas. A oferta económica máis baixa foi a de E.C. Casas (3.163.528,76 euros), mentres que a mellor puntuación técnica recaeu en COVSA (23,50 puntos), seguida de Civis Global (22,96 puntos) e a propia E.C. Casas (21,82 puntos).

O alcalde asegurou que esta actuación integral suporá “un antes e un despois para o barrio de Mollavao”, mellorando de xeito substancial a calidade de vida da veciñanza nunha zona que o precisaba urxentemente por mor da concentración de diferentes infraestruturas. O proxecto permitirá crear un novo enlace transversal de 100 metros na “parcela dos circos” con dous carrís e beirarrúas de 3 metros que conectará a avenida de Marín mediante dúas novas glorietas. Grazas a isto, poderase reurbanizar Rosalía de Castro, reducindo a calzada a un único carril de saída, ampliando o espazo peonil e creando zonas de coexistencia fronte á Praza de Mollavao e ao colexio.

Fernández Lores agarda que as obras poidan estar en marcha “antes do verán” e agradeceu expresamente á senadora Carme da Silva as xestións realizadas ante o Goberno do Estado para resolver o “vía crucis administrativo e político” que bloqueaba os terreos. O rexedor confesou estar “encantado como unhas castañolas de ver a luz ao final do túnel” tras moitos anos impulsando esta iniciativa.

Unha nova senda cara á Tomba

Finalmente, a terceira mesa de contratación abordou a apertura das propostas económicas para a execución da senda peonil que unirá a Xunqueira da Gándara co parque forestal da Tomba. Este proxecto ten un orzamento de licitación de 178.500 euros e está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea, xestionados a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). Presentáronse tres ofertas económicas: Codema Lomba S.L. (147.530,25 euros), Zona de obra o Rosal (158.954,25 euros) e Naturgalia SL (174.917,60 euros).

A actuación xerará un corredor ecolóxico recreativo de 1,8 quilómetros de lonxitude que garantirá un percorrido seguro e accesible para a cidadanía, partindo cunha pasarela de madeira sobre a marisma e incluíndo a mellora da sinalización e a seguridade en diferentes tramos. Sobre esta futura infraestrutura, o alcalde destacou que será “un luxo que temos na cidade de Pontevedra para poder pasear e gozar dos paxariños”.

Compartir publicación: