O Concello avanza na reparación dos danos causados polos temporais e traballa na inminente apertura da senda do Gafos 

O concelleiro Xaquín Moreda visitou esta mañá a senda do Gafos, á altura de Ponte Boleira, onde o Concello fai traballos de reparación.

Destacou a axilidade do contrato de mantemento para reparar as fochancas e danos noutras rúas da cidade aproveitando a actual tregua meteorolóxica. 

O Concello de Pontevedra puxo en marcha un amplo operativo para arranxar os desperfectos ocasionados na cidade polas intensas choivas das últimas semanas. O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, visitou esta mañá a senda do río Gafos para supervisar os traballos de reparación na zona, que permaneceu pechada para a veciñanza á altura da praza de Ponte Boleira debido aos importantes estragos sufridos.

Durante a visita, Moreda destacou que a incidencia do Gafos foi unha das obras máis significativas derivadas destes temporais, xa que a enchente do río “lavou o paseo e abriu un burato bastante grande”. Explicou que este era o único punto do paseo con danos desta envergadura e o máis conflitivo, mentres que o resto do trazado unicamente se atopa encharcado e á espera de que seque. Prevese que este tramo se poida reabrir á cidadanía nuns días, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Aproveitando a tregua meteorolóxica, o goberno local comezou a intervir en diversos puntos do espazo público. Segundo Xaquín Moreda, “estanse a revisar todos os desperfectos”, xa que as constantes precipitacións das últimas semanas provocaron movementos nas pedras e baldosas das rúas, facilitou a filtración de auga no asfalto e a aparición de numerosas fochancas na cidade.

Para darlle solución a estes problemas, o Concello xa iniciou intervencións e estivo actuando nas contornas de Raíña Vitoria, no paseo de Colón, en Benito Corbal e na rúa Loureiro Crespo.

Ademais dos traballos xa iniciados, os servizos técnicos teñen catalogadas e priorizadas as vindeiras actuacións en base á súa urxencia:

  • Intervencións máis urxentes: traballarase na rúa Virxinia Pereira (preto da avenida de Lugo), no cruzamento de Santa Clara con Perfecto Feijóo e na rúa Casimiro Gómez.
  • Intervencións de menor urxencia: na planificación de melloras atópanse tamén as reparacións previstas na rúa da Pomba, rúa Rouco, Gonzalo Gallas, na rúa Monteleón, entre outras.

En canto ao custo económico de todo este operativo, o responsable de Servizos Urbanos Básicos aclarou que o Concello está a asumilo de xeito directo a través do contrato de mantemento porque é “unha maneira áxil e que responde moi ben para cuestións como esta”.

Finalmente, o concelleiro quixo remarcar a capacidade de reacción e o esforzo do equipo de mantemento municipal para garantir a seguridade: “fomos áxiles, estamos respondendo en tempo e, en canto o tempo mellore, avanzaremos moito máis rápido”. A prioridade do Concello segue a ser garantir uns servizos urbanos seguros e accesibles para toda a veciñanza.

Compartir publicación: