A mellora do acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo está a piques de comezar para completar a dotación deportiva 

As concelleiras do Rural, María José Abilleira, e de Deportes, Anabel Gulías, visitan esta tarde a zona xunto á empresa adxudicataria, E.C. Casas.

A actuación conta cun orzamento de máis de 43.000 euros e permitirá mellorar a drenaxe e o firme do camiño de entrada. 

As obras de mellora dos accesos ao novo campo de fútbol de Salcedo están a piques de comezar, un paso fundamental para completar a dotación e a contorna desta infraestrutura deportiva. Cabe sinalar que o comezo destes traballos viuse imposibilitado ata o de agora debido ás inclemencias climatolóxicas dos últimos meses. Para ultimar os detalles do inicio dos traballos, as concelleiras responsables das áreas do Rural, María José Abilleira, e de Deportes, Anabel Gulías, acompañadas de representantes da empresa responsable de executar a obra, E.C. Casas, realizarán hoxe pola tarde unha visita á zona na que se acometerá esta mellora.

A actuación adxudicada á por un importe total de 43.567,21 euros (IVE engadido), ten como obxectivo principal a mellora do firme e da drenaxe do camiño de acceso á instalación deportiva. Estes traballos desenvolveranse sobre a traza do camiño existente, nunha superficie de 5.660 metros cadrados que foi cedida pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo ao Concello para este fin.

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, destacou durante a xornada a importancia de pechar este ciclo: “hoxe damos un paso máis para rematar unha dotación que será un referente. Non é ningún segredo que a construción deste campo foi unha obra con moitas complicacións técnicas e administrativas, pero o noso compromiso coa parroquia de Salcedo e cos clubs deportivos foi sempre firme. Con esta mellora dos accesos, garantimos que todas as persoas poidan gozar destas instalacións nas mellores condicións e con total seguridade”.

Pola súa banda, a concelleira do Rural, María José Abilleira, puxo en valor o traballo conxunto co tecido social da parroquia: “esta obra non só mellora un equipamento deportivo, senón que dignifica a contorna rural e a calidade de vida da veciñanza. Hai que agradecer enormemente a xenerosidade e a colaboración da Comunidade de Montes de Salcedo, xa que a cesión destes terreos é o que nos permite hoxe acondicionar uns accesos axeitados e integrados na nosa contorna natural”.

Un equipamento do século XXI

A inminente mellora dos accesos vén a pór o ramo a un proxecto histórico e amplamente demandado pola parroquia de Salcedo, que se atopou con diversos atrancos dende os seus inicios. O primeiro intento de construción do equipamento viuse truncado e paralizado pola quebra e entrada en concurso de acredores da primeira empresa adxudicataria (Galitec).

Tras resolver aquel contrato de mutuo acordo e actualizar o proxecto coa máxima celeridade, o Concello volveu adxudicar a obra á empresa Prace – Servicios y Obras por un importe de 1.959.886,16 euros. As obras reiniciáronse no verán de 2023 e o campo foi finalmente recibido pola Administración local na primavera do ano seguinte.

Todo o complexo aséntase sobre unha superficie total de 37.537 metros cadrados cedida de forma gratuíta e indefinida pola Comunidade de Montes (24.537 m² para o campo, 7.355 m² para o futuro aparcadoiro e os xa mencionados 5.660 m² para accesos).

Na actualidade, Salcedo conta cun terreo de xogo de 100×58 metros equipado con herba artificial de altas prestacións, homologable pola FIFA. O complexo integra unhas modernas edificacións que acubillan catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, unha enfermería, cantina, aseos públicos, almacéns (incluíndo un para bicicletas), unha aula da natureza e unha bancada elevada, converténdose, máis aló do uso estritamente deportivo, nun novo punto de encontro e convivencia para toda a cidadanía.

Compartir publicación: