O Concello renova o interior da Praza de Europa para mellorar a accesibilidade e gañar espazo 

O Concello de Pontevedra vén de completar unha nova intervención de mellora do espazo público na parte interior da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro. O obxectivo desta actuación foi resolver as eivas de mobilidade e conservación detectadas na zona, renovando unha superficie que presentaba un pavimento moi deteriorado.

O concelleiro responsable do barrio, Alberto Oubiña, explicou que os traballos centráronse na retirada da antiga pavimentación e na eliminación de varios parterres que se atopaban en mal estado. Estes elementos, ademais de afear a contorna, supuñan un obstáculo para o tránsito peonil e dificultaban as tarefas diarias de limpeza.

Para solucionar estes problemas, o Concello optou pola instalación de formigón barrido en todo o ámbito de actuación. Con esta solución búscase unificar a imaxe da praza, elevando a calidade do acabado e garantindo un espazo máis diáfano, accesible e duradeiro. Oubiña enmarcou esta obra dentro dos “pequenos arranxos que melloran a calidade de vida do día a día” e que responden directamente ás demandas trasladadas pola propia veciñanza para mellorar a funcionalidade do barrio.

Un barrio en transformación

Estas actuacións de microurbanismo súmanse á estratexia global de transformación prevista para Monte Porreiro, que será o principal beneficiario dos fondos europeos da estratexia EDIL recentemente confirmados. O barrio recibirá máis do 50% do investimento total previsto para a cidade (máis de 10 millóns de euros).

Entre os proxectos estratéxicos atópanse a construción dun novo pavillón de deportes cunha cuberta verde transitable, a renovación integral do campo de fútbol e rugby, a rehabilitación do centro sociocultural con nova aula TIC e a reforma das rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido.

Compartir publicación: