A responsable do Rural visitou as obras de pavimentación e seguridade viaria que se están a executar no núcleo da Ermida, cun orzamento de máis de 128.000 euros.
María José Abilleira confirmou tamén o avance na licitación da ampliación da rede de sumidoiros na Meán, cumprindo co compromiso de dotar de servizos ás vivendas illadas.
A concelleira responsable do Rural, María José Abilleira, realizou esta semana unha visita técnica á parroquia de Cerponzóns para comprobar “in situ” o ritmo de execución das obras de mellora do acceso ao núcleo da Ermida. Unha intervención moi demandada que mellorará a seguridade e a mobilidade da veciñanza.
Os traballos, que están a ser executados pola empresa Construcciones Obras y Viales, S.A. (COVSA), foron adxudicados por un importe final de 115.569,69 euros (IVE incluído) e contan cun prazo de execución de catro meses.
A actuación céntrase na estrada municipal que conecta A Ermida e o lugar de Reiriz (Alba) coa N-550. O proxecto intervén sobre unha lonxitude de 304 metros, onde se está a realizar unha renovación integral do pavimento, que se atopaba moi deteriorado. Ademais da mellora do firme, a obra inclúe o ensanche da plataforma na zona sur, o que implica a construción de muros de contención e o retranqueo de servizos (postes eléctricos e de telecomunicacións) para gañar anchura e seguridade.
A intervención complétase coa renovación da rede de drenaxe de augas pluviais, nova sinalización horizontal e vertical, e a instalación de redutores de velocidade para garantir a seguridade peonil na zona.
Ademais da mellora da estrada, a concelleira destacou un aspecto fundamental desta obra: aproveitando a maquinaria e os traballos de escavación para a pavimentación, procedeuse a dar conexión á rede de saneamento a dúas vivendas que permanecían illadas neste lugar.
“Esta actuación puntual pero imprescindible vai dentro do compromiso do acordo da Corporación municipal de ir dando servizo de saneamento, paso a paso, ás vivendas do rural que quedaron illadas e fóra do proxecto global municipal por non teren cumprido no seu día os requisitos técnicos”, explicou María José Abilleira. “O noso obxectivo é aproveitar cada intervención para ‘rescatar’ estas vivendas e garantir que a veciñanza teña acceso aos servizos básicos”.
Rede de saneamento en vivendas illadas da Meán
Nesta liña de traballo, e á marxe da visita realizada esta semana, a Concellaría do Rural mantén activo o proceso de mellora dos servizos na parroquia co proxecto de ampliación da rede de sumidoiros no lugar da Meán, que se atopa actualmente en fase de licitación.
Esta nova infraestrutura conta cun orzamento base de 123.775,32 euros e ten como obxectivo dotar de saneamento a un grupo de vivendas que carecían del. As características técnicas do proxecto contemplan:
- A instalación dunha nova canalización de tubaxe de PVC de 250 mm de diámetro.
- O sistema funcionará por gravidade, conectando as vivendas do lugar á rede de saneamento xa existente no lugar de Pidre.
- A obra dará servizo a unha poboación estimada de 10 vivendas, proxectando a rede tamén para necesidades futuras.
- Inclúe a execución de pozos de rexistro cada 50 metros para facilitar o mantemento e a reposición completa dos pavimentos afectados pola gabia.
Con estas dúas iniciativas, a da Ermida en execución e a da Meán en tramitación, o Concello mobiliza un investimento global superior aos 230.000 euros para a mellora das infraestruturas na parroquia de Cerponzóns.