A concelleira de Mercados, Anabel Gulías, anuncia a apertura do proceso para nove postos de alimentación e un bar no primeiro andar, con canons anuais de entre 300 e 360 euros
As autorizacións terán unha duración de un ano, prorrogable por dous máis (1+1+1), como paso previo a un futuro modelo de xerencia única para o espazo.
A concelleira de Promoción Económica e Mercados, Anabel Gulías, anunciou hoxe o inicio do expediente para a licitación de dez espazos situados no primeiro andar do Mercado de Abastos. O obxectivo do Goberno Local é publicar os pregos entre finais de marzo e abril para que os novos negocios estean operativos este verán, consolidando así a recuperación da actividade no recinto.
Segundo explicou Gulías, a licitación abrangue un total de 12 casetas que conforman nove postos comerciais e un bar. Trátase dos espazos que actualmente se atopan baleiros pero equipados e listos para o seu uso (os sinalados en azul no plano), sen necesidade de realizar obras maiores de adecuación eléctrica, a diferenza doutros espazos que quedarán pendentes para unha fase posterior.
As novas autorizacións terán un formato diferente ás de 2019. Outorgaranse por un ano, prorrogable anualmente ata un máximo de tres (1+1+1). A edil xustificou este cambio como unha medida transitoria: a intención final do Concello é acometer as reformas necesarias para acondicionar a totalidade do andar e, a longo prazo, sacar a concurso unha xerencia externa que xestione integralmente todo o espazo.
Os canons anuais para os adxudicatarios manteranse en cifras accesibles para fomentar o emprendemento: os prezos oscilarán entre os 301,32 € e os 357,72 € ao ano, dependendo do tipo de posto.
O proceso de selección terá como base a solvencia técnica e a calidade do proxecto. Valorarase a trazabilidade do produto, a estratexia comercial, a sostibilidade, as propostas de acción conxunta e a xeración de emprego, nomeadamente o feminino. Os usos permitidos seguen a liña da convocatoria anterior: sementes, fariñas, adegas, conservas, e outras propostas gastronómicas ou de almorzos.
Anabel Gulías destacou que, tras un inicio de mandato no que o espazo se atopaba nun estado “calamitoso”, o Mercado foi “resucitado” grazas á programación continua de actividades. “Estamos devolvéndolle a vida a un emprazamento que é único na nosa cidade e que ten moito futuro”, afirmou a concelleira.
Ademais, a edil sinalou que nesta nova etapa, o Concello reforzará o servizo de limpeza e buscará unha maior flexibilidade horaria, aínda que mantendo uns mínimos de apertura obrigatoria para garantir o bo servizo á cidadanía.