O Concello aproba un proxecto de orzamentos “expansivo” de 103,7 millóns que prioriza o investimento en barrios e parroquias 

O concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo, debulla unhas contas que medran un 5,21%, cun forte contido social e dinamizador, que manteñen a débeda cero e conxelan as taxas por décimo ano consecutivo. 

O Pleno para a súa aprobación celebrarase o luns 23 de febreiro. 

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno vén de aprobar o proxecto de orzamentos do Concello de Pontevedra para o vindeiro exercicio. O edil confirmou que as contas ascenden a 103.768.000 euros, o que supón un incremento do 5,21% respecto ao ano anterior, é dicir, un crecemento de 5.136.000 euros.

Raimundo González explicou que os orzamentos baséanse en catro características fundamentais que guiarán a xestión municipal: a priorización do investimento en barrios e parroquias, a dinamización da economía local, un forte contido social e un carácter marcadamente investidor.

Ao respecto dos investimentos nos barrios, citou actuacións concretas que mobilizarán máis de 10 millóns de euros, como o pavillón de Monte Porreiro, a reforma de Rosalía de Castro, a avenida de Compostela e Juan Bautista Andrade, o Parque da Parda, a renaturalización dos Gafos ou a renovación do alumeado nas zonas norte e leste.

En canto ás parroquias, destacou un esforzo integral que abrangue a mobilidade (mellora de firmes en Lérez, Mourente ou Marcón), instalacións deportivas (campos de herba sintética e iluminación) e infraestruturas socioculturais, como a Casa de cultura de Acevedo en Ponte Sampaio. Así mesmo, subliñou o incremento do 28% na partida de mantemento de vías do rural, que acada o millón de euros.

No segundo e terceiro eixo, o concelleiro de Economía explicou o papel do orzamento como motor económico a través de grandes eventos e da promoción da cidade, citando a Copa do Mundo de Natación Artística, as Series Mundiais de Tríatlon ou os Premios Feroz.

No eido social, as contas reflicten un aumento significativo. O concelleiro destacou o incremento do 28% no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que pasa a contar con 3,7 millóns de euros, así como o reforzo en máis de 500.000 euros para o ensino e os convenios coa Fanpa. En termos globais de investimento, o Concello pasa de 12 a case 15 millóns de euros de fondos propios, un aumento do 25%.

Raimundo González pechou a análise das contas cunha mensaxe clara: “Estamos diante duns orzamentos expansivos. Se ve claramente porque incrementamos máis de 5 millóns de euros o orzamento. Están encamiñados a mellorar a atención á cidadanía con novos equipamentos, zonas verdes e mellores servizos. E todo isto mantendo conxeladas as taxas e impostos por décimo ano consecutivo”.

Tamén avanzou o calendario administrativo acordado na Xunta de portavoces. O prazo de emendas para a oposición estará aberto ata o luns 16 de decembro ás 23.59 horas. O martes 17 celebrarase a comisión de ditame e o debate definitivo terá lugar nun Pleno o luns 23 de febreiro ás 11:00 horas. Este calendario está pactado e consensuado cos grupos da oposición.

Compartir publicación: