O Cruceiro do Montiño sae das dependencias municipais cara á Escola de Restauración para o inicio da súa recuperación integral 

A Concellaría de Patrimonio Histórico, dirixida por Alberto Oubiña, coordina o traslado das pezas á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, onde serán intervidas polo alumnado.

O proxecto contempla non só a restauración do ben, gravemente fragmentado tras un accidente en 2023, senón tamén unha proposta de cambio de emprazamento para garantir a súa seguridade viaria e patrimonial. 

Os restos do Cruceiro do Montiño (tamén coñecido como de Casal Novo), situado na parroquia de Lérez, foron retirados esta semana das instalacións municipais onde permanecían custodiados, para trasladalos á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e dar comezo aos traballos de restauración, tal e como informou esta mañá na Comisión de Urbanismo o presidente da Comisión e tamén responsábel de Patrimonio histórico municipal, Alberto Oubiña.

A redacción do proxecto e a dirección técnica corren a cargo do profesor e restaurador José Manuel Rey Aguiño, especialista en bens escultóricos. Os traballos serán executados polo alumnado da Escola dentro da materia de “Prácticas de conservación activa”, o que engade un valor formativo á recuperación patrimonial.

O cruceiro, un ben de estilo barroco datado en 1737, sufriu graves danos en xullo de 2023 tras ser derrubado por un vehículo, o que provocou a fractura do varal, o capitel e a cruz en múltiples fragmentos.

O plan de traballo estrutúrase en dúas fases:

  1. Fase na escola: Centrarase na limpeza, eliminación de elementos metálicos oxidados (como antigas cuñas de ferro) e a unión estrutural dos fragmentos do varal, capitel e cruz mediante variñas de fibra de vidro ou aceiro inoxidable.
  2. Fase in situ: Acometerase a restauración da plataforma e o pedestal no lugar de Casalnovo, así como a montaxe final do conxunto.

O informe técnico advirte que o emprazamento orixinal, nun cruzamento estreito de apenas 2,80 metros, supón un risco para o ben e para a seguridade viaria, ademais de presentar problemas con cableado aéreo que incumpre as alturas regulamentarias.

Por este motivo, o proxecto propón un lixeiro cambio de emprazamento dentro da mesma contorna de protección. Esta medida busca garantir a seguridade do cruceiro fronte ao tráfico rodado e mellorar a súa visibilidade sen que iso teña a consideración administrativa de traslado, ao manterse no seu contexto histórico.

Colaboración coa Escola de Restauración

O concelleiro de Patrimonio histórico, Alberto Oubiña asegurou que no Concello “estamos encantadas de colaborar coa Escola de Restauración. Son uns grandísimos referentes en todo o que fan e na calidade do alumnado que forman. Confiamos plenamente no seu criterio e, de seguro, esta será a primeira de moitas colaboracións”, sinalou o concelleiro.

Ademais da dirección académica, Oubiña confirmou que haberá un seguimento técnico constante por parte do Concello: “O noso arqueólogo vai colaborar con eles en todo o que ten a ver coa revisión das actuacións e prestando o apoio necesario. Sabemos que a Escola conta con excepcionais profesionais entre o seu profesorado e queremos traballar da man nesta recuperación”.

Compartir publicación: