O Concello instalou tres “gobos” luminosos que proxectan a silueta do loro na Praza de España, no cruzamento de Benito Corbal con Daniel de la Sota e na Praza da Ferraría.
A iniciativa serve de preámbulo á semana grande da festa, que arrincará este venres 13 e renderá tributo a Castelao no 75 aniversario do seu pasamento.
A Concellaría de Festas, que dirixe Demetrio Gómez, vén de activar tres “gobos” lumínicos coa imaxe do loro Ravachol en localizacións estratéxicas da cidade para dinamizar e anunciar o próximo inicio do entroido en Pontevedra.
As proxeccións luminosas, que mostran a inconfundible silueta do emblema do entroido pontevedrés, están situadas na Praza de España, xusto fronte á Casa Consistorial; no céntrico encontro das rúas Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac; e o terceiro punto de luz proxéctase sobre a fachada do edificio de Facenda, na emblemática Praza da Ferraría, lugar que acollerá o pregón e a queima do loro.
Un entroido adicado a Castelao
Esta acción promocional marca o inicio da conta atrás para unha festa que o edil de Festas, Demetrio Gómez, cualificou como “o mellor entroido urbano de Galiza”. A programación oficial arrincará este mesmo venres, 13 de febreiro, coa recepción do Rei Urco e o pregón a cargo do histórico grupo ‘Os das Pistas’, que celebran 30 anos de participación ininterrompida na festa.
A edición deste ano ten un carácter especial, xa que rende homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao con motivo do 75 aniversario do seu pasamento. Esta efeméride é o eixo central da imaxe gráfica da festa, creada polo alumnado da escola profesional ‘O Garaxe Hermético’. O cartel, deseñado por Jose Iglesias, reinterpreta unha fotografía clásica do intelectual galeguista pintando as máscaras da obra Os vellos non deben de namorarse, mostrándoo nesta ocasión pintando a máscara de Ravachol, nunha chiscadela que une a dúas iconas da cidade.
O Concello convida a toda a cidadanía a gozar e a participar activamente nunha semana repleta de actividades que incluirá o desfile o sábado 14, a Festa Pirata o martes 17 e o tradicional Enterro de Ravachol o sábado 21.