O alcalde de Pontevedra salienta que quedan moi poucas zonas do rural por facer o cambio a tecnoloxía led e lembra que o Concello aforrará 1,5 millóns de euros na factura eléctrica municipal de 2026 grazas á implantación do LED.
A intervención supuxo un investimento de 1,35 millóns de euros para renovar case 1.400 puntos de luz e 29 cadros de mando.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, acudiu esta mañá ao Mosteiro de Lérez para dar conta do remate das obras de renovación da iluminación pública na parroquia de Lérez e no barrio do Burgo. Trátase dunha actuación integral financiada ao 100% pola Deputación con cargo á transferencia de fondos asignados ao Concello (2,5 millóns de euros), e que ten como obxectivo primordial o aforro enerxético, o coidado do medio ambiente e a mellora da calidade de vida da veciñanza.
A intervención, executada pola empresa Setga, contou cun orzamento de adxudicación de 1.357.555,87 euros. Os traballos consistiron na substitución de 1.397 luminarias e a renovación de 29 cadros de luz, ademais da reparación de postes danados.
O ámbito de actuación foi exhaustivo, abranguendo dende zonas rurais ata áreas urbanas. En concreto, renovouse a iluminación nas zonas do Castelo, O Burgo, Fontaíña, Couso, e nas rúas Médico Ballina, Juan Bautista Andrade, Juan Manuel Pintos, Domingo Fontán, a contorna da Praza de Pasarón, Rafael Areses e Alexandre Bóveda. Tamén se incluíron espazos como o Campus universitario ou parte da Xunqueira da Gándara.
Grazas a esta tecnoloxía LED, conséguese un aforro no consumo do 62%, pasando dun gasto de 784.022 kWh/ano a 295.309 kWh/ano. Isto tradúcese, ademais, nunha redución considerable da pegada de carbono, evitando a emisión de 254,62 toneladas de CO2 anuais.
No tocante á estética, os novos cadros de luz no rural seguen o modelo mimetizado coa contorna xa instalado noutras parroquias ofrecendo a imaxe do Mosteiro de Lérez, mentres que no barrio do Burgo apostarse por elementos que recuperan a memoria histórica do lugar mediante deseños personalizados.
Miguel Anxo Fernández Lores amosou a súa “satisfacción” por comprobar o resultado dunhas obras que responden ao empeño do Concello por reducir o consumo eléctrico. O rexedor destacou que nos orzamentos deste ano, a diferenza de consumo eléctrico respecto ao ano anterior supón un aforro de 1,5 millóns de euros para as arcas municipais. “Os cartos públicos hai que empregalos ben, e todo o que se poida aforrar permite realizar máis investimentos”, sinalou Lores.
O alcalde lembrou que, con este remate, queda “moi pouco” por facer no rural, limitándose a pequenas zonas nas parroquias de Tomeza e Salcedo. Así mesmo, apuntou á necesidade futura de actualizar a iluminación do centro histórico, cuxa tecnoloxía instalada hai máis de 20 anos quedou obsoleta fronte á eficiencia do LED actual.
Reclamación de máis fondos á Deputación
Aínda que o rexedor agradeceu a colaboración, aproveitou o acto para trasladarlle ao presidente da Deputación, Luís López, a necesidade de aumentar o investimento na cidade. “Comparto o posicionamento do presidente de chegar a acordos con todas as administracións e estamos encantados de asinar convenios, pero nunca son suficientes”, afirmou Lores. O alcalde foi claro na súa reivindicación: “Como Alcaldía de Pontevedra queremos que os investimentos que a Deputación fai no Concello sexan superiores aos que están sendo e seguiremos loitando por iso”. Non obstante, Lores matizou que esta petición faise dende a “lealdade institucional”, avogando por seguir avanzando en cuestións prioritarias para a cidadanía.
Finalmente, o alcalde concluíu salientando que o obxectivo último destas colaboracións é deixar “un planeta mellor” ás vindeiras xeracións, un labor que, “se está conseguindo coa colaboración de todas as institucións”.