A Mesa de Contratación procedeu hoxe á apertura da documentación administrativa e técnica para unha actuación clave no modelo urbano que conta cun orzamento de licitación de 3,7 millóns de euros.
Un total de seis empresas presentaron as súas propostas para executar o proxecto unificado que abrangue a reurbanización da rúa Rosalía de Castro e a apertura da nova vía de conexión coa avenida de Marín. A Mesa de contratación do Concello de Pontevedra reuniuse esta mañá para coñecer as aspirantes.
Tras a apertura do sobre administrativo e a admisión de todas as licitadoras, o proceso continúa agora coa valoración técnica das ofertas. As firmas que optan a realizar esta obra estratéxica son:
- Civis Global S.L.U.
- Construcciones E.C. Casas S.L.
- A UTE formada por Construcciones Fechi S.L.U. e Moncosa OHS S.A.
- Construcciones Obras y Viales S.A. (COVSA).
- Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa S.L.
- Narom S.L.
Durante a sesión da Mesa de Contratación, procedeuse tamén á apertura do sobre electrónico B, que contén os criterios avaliables mediante xuízo de valor. Esta documentación foi remitida á Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas, Enxeñaría e Servizos (OTMAIES) para a emisión do informe técnico correspondente. Unha vez valorada esta parte, procederase á apertura das ofertas económicas para definir a adxudicataria final.
Dúas intervencións para transformar o barrio
O contrato, que conta cun orzamento base de licitación de 3.726.621,23 euros, permitirá materializar unha demanda histórica da veciñanza mediante dúas actuacións interdependentes:
- Apertura da nova vía de conexión: Crearase un enlace transversal de aproximadamente 100 metros de lonxitude sobre a parcela de Costas (antiga “parcela dos circos”). Esta infraestrutura contará con dous carrís de circulación de 3,50 metros e beirarrúas de 3 metros, conectándose aos viais existentes mediante dúas novas glorietas: unha na avenida de Marín (PO-12) e outra en Rosalía de Castro. Esta parte do proxecto conta co apoio económico da Deputación provincial.
- Reurbanización de Rosalía de Castro: A actuación abrangue o treito dende Manuel del Palacio ata o paso do ferrocarril. A rúa adaptarase aos estándares do Modelo Pontevedra, deixando un único carril de saída de 3,30 metros, o que permitirá ampliar as beirarrúas e garantir a accesibilidade universal. O proxecto inclúe a renovación de servizos e a creación de zonas de estancia e coexistencia, como a situada fronte á Praza de Mollavao e o colexio Salvador Moreno.