Eva Vilaverde traslada ao subdelegado do Goberno a necesidade de evitar que os cortes por asulagamentos se convertan en rutina.
Esixiu que «se axilice e se busque unha solución para a autovía de Marín para que estas cuestións non se repitan».
A concelleira de Protección Cidadá e alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, participou esta mañá na reunión de coordinación convocada na Subdelegación do Goberno para abordar a problemática do tráfico na PO-11 (Avenida de Marín) con motivo dos asulagamentos que se teñen rexistrado esta semana. No encontro, no que estiveron presentes as diferentes administracións e corpos de seguridade implicados na mobilidade da vía, o Concello de Pontevedra mantivo un posicionamento firme: a colaboración ante emerxencias está garantida, pero a cidade non pode converterse na alternativa viaria habitual para o tráfico pesado portuario.
Vilaverde explicou que o Goberno local puxo enriba da mesa o acordo da Xunta de Goberno, insistindo en que se “axilice e se busque unha solución para a autovía de Marín para que estas cuestións non se repitan”. A concelleira subliñou que, aínda que o Concello «entende a situación” puntual e a necesidade de dar saída aos vehículos ante os cortes por mareas e choivas, a cidade é “coñecedora das dificultades que ten meter tráfico pesado” pola trama urbana.
A representante municipal destacou que obtivo o “compromiso do subdelegado” de trasladar a urxencia da situación ao Ministerio. Para o Concello, a prioridade absoluta é que se adopten medidas técnicas definitivas na propia autovía, xa que “hai solucións técnicas” dispoñibles para evitar que estes peches sexan recorrentes. Vilaverde alertou de que estes episodios climatolóxicos danse “con maior asiduidade” co paso dos anos e non poden tratarse como meras anécdotas.
O argumento central defendido por Pontevedra basease na protección da mobilidade da cidadanía. “Non podemos asumir tráfico na cidade con carácter sistemático”, afirmou Vilaverde, lembrando que o desvío por Manuel del Palacio afecta ao “primeir anel da cidade”, da cal depende o “propio funcionamento” da mobilidade motorizada en Pontevedra. O bloqueo desta vía supón un risco de colapso para a mobilidade interna.
Dispositivo da Policía Local
No que atinxe ao operativo de mobilidade, a Policía Local coordinarase co resto de forzas para “regular, sinalizar e facilitar” o tránsito nos momentos críticos. O obxectivo é minimizar o impacto e, sobre todo, evitar situacións vividas esta semana, onde vehículos acabaron perdidos en “vías secundarias de diferentes aldeas de Lourizán”.
Non obstante, a alcaldesa accidental insistiu en que a capacidade de absorción de tráfico é limitada e reiterou que a solución non pasa por xestionar o desvío, senón por evitar o corte: “É urxente que se adopten medidas para que isto non se repita pola autovía”.