O Concello investirá máis de medio millón de euros no Mercado cun proxecto que renovará os lucernarios e mellorará o confort

A concelleira Anabel Gulías anunciou a substitución da cuberta de vidro actual por unha solución tecnolóxica e artística que protexerá o produto fresco da incidencia solar directa

Con esta actuación e a próxima reforma dos aseos, o investimento no Mercado superará o millón de euros por parte do Goberno local neste mandato

O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra. 

A concelleira de Mercados, Anabel Gulías, presentou hoxe un ambicioso proxecto de reforma para o Mercado Municipal destinado a resolver as deficiencias de illamento térmico e lumínico do edificio. A actuación, que conta cun orzamento de 518.732,13 euros, centrarase na renovación dos lucernarios para evitar que a luz solar e a calor afecten directamente aos postos de produto fresco (peixe, froita e flores) da planta baixa.

Gulías explicou que, logo dun estudo demorado, optouse por unha intervención por fases. Nesta primeira etapa, substituirase a actual cuberta de vidro por vidros tecnolóxicos de control solar que filtran os raios infravermellos e instálase unha “segunda pel” interior. Esta nova estrutura, deseñada pola arquitecta Magdalena Portela, non só mellorará as condicións hixiénico-sanitarias e de confort, senón que integrará unha intervención artística retroiluminada con LED e permitirá unha limpeza máis doada e ventilación. A obra requirirá un reforzo previo da estrutura debido ao aumento de peso dos novos materiais.

“Queremos transformar o mercado nun equipamento non só gastronómico, senón tamén cultural, sen perder a súa esencia de praza”, afirmou a concelleira. O Goberno local ten previsto iniciar a contratación de inmediato co obxectivo de rematar as obras este mesmo ano, cun prazo de execución estimado de dous meses, intentando compatibilizar os traballos coa actividade diaria do mercado para evitar o seu peche.

A edil pontevedresa lembrou a aposta decidida do Goberno local polo Mercado, sinalando que, sumando esta obra a actuacións anteriores (renovación de cámaras, canalizacións e os novos montacargas en proceso) e á próxima construción de aseos inclusivos no primeiro andar, o investimento total neste mandato superará o millón de euros.

De cara ao futuro, o Concello traballa xa nas seguintes fases, que incluirán a instalación de sistemas de climatización e ventilación mecánica, o peche das arcadas da rúa Serra e melloras no illamento acústico.

O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Compartir publicación: