O Concello de Pontevedra eleva unha queixa formal ante o Ministerio de Transportes pola súa “manifesta pasividade” ante os asulagamentos na Avenida de Marín 

A  tenente de alcalde, Eva Vilaverde, denuncia que a situación na PO-11 é crítica logo de cinco días consecutivos de cortes de tráfico e reclama solucións técnicas inmediatas
O Goberno local asistirá á reunión de coordinación prevista para maña, mais lembra que a solución estrutural é competencia exclusiva do Ministerio e non pode limitarse a “parches” ou estudos sen propostas prácticas 

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acordou hoxe dirixir unha queixa formal ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ante os recorrentes asulagamentos producidos na PO-11 (Avenida de Marín). A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, explicou que esta decisión responde á “manifesta pasividade” do Ministerio á hora de deseñar e executar as medidas necesarias para solucionar un problema que causa graves prexuízos á mobilidade co concello de Marín, á parroquia de Lourizán e ao propio centro de Pontevedra.

Vilaverde cualificou o momento actual de “especialmente crítico”, lembrando que a cidade leva “cinco días seguidos con cortes na Avenida de Marín de madrugada”, por mor das mareas vivas e das choivas, xerando o conseguinte caos circulatorio.

A voceira do Goberno local lamentou que, malia ser un problema “recorrente, permanente e coñecido dende hai anos”, o Concello só conseguiu até o de agora que o Ministerio incluíse a zona “nun lote dun estudo macro a nivel estatal”, sen que iso se traducise aínda en ningunha solución práctica nin proposta concreta enriba da mesa a día de hoxe.

“Non entendemos que lle fixo Pontevedra a este Ministerio para actuar con esta pasividade con este concello”, afirmou Vilaverde, quen subliñou que se trata dunha infraestrutura vital tamén desde o punto de vista económico pola súa conexión co Porto de Marín.

Ante a suxestión de posibles solucións, a tenente de alcalde foi tallante ao lembrar que non lle corresponde ao Concello facer propostas técnicas sobre infraestruturas estatais: “Non podemos sacar da chisteira ningunha ocorrencia. É unha cuestión técnica de certa complexidade que terá que acometer o Ministerio, como así lle reclamou dende hai anos este concello”. Vilaverde insistiu en que se a competencia fose municipal, o problema xa estaría en vías de solución, pero a responsabilidade é do Ministerio de Transportes.

Respecto á reunión convocada este venres, 6 de febreiro, para abordar a situación, Eva Vilaverde confirmou a asistencia do Concello, xunto coa Policía Local, para colaborar e coordinarse “no que estea nas nosas mans”, como é a regulación do tráfico nas rotondas de Manuel del Palacio. Porén, sinalou que a capacidade de actuación municipal é limitada e xera “impotencia”, xa que non poden evitar que a poboación de Lourizán quede atrapada ou que transportes especiais acaben perdidos por pistas secundarias.

Compartir publicación: