Pontevedra mantén o obxectivo de cero falecidos e reduce á metade os feridos graves en accidentes de tráfico en 2025 

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, salienta que a gravidade dos sinistros continúa unha clara tendencia á baixa grazas ao modelo urbano, nun ano no que a Policía Local interviu en 569 accidentes, 24 menos que en 2024. 

A concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou hoxe o balance de sinistralidade viaria da Policía Local do ano 2025, no que destaca a estabilización do número de accidentes e, sobre todo, a redución da súa gravidade. Vilaverde subliñou que Pontevedra continúa sen rexistrar falecidos en vías municipais tratadas con calmado de tráfico desde o ano 2011.

Segundo explicou a concelleira, aínda que o número total de accidentes onde intervén a policía adoita oscilar entre os 500 e 600 anuais, o dato máis relevante é que as consecuencias son cada vez máis leves. “Non podemos evitar un accidente, pero si podemos baixar a probabilidade da súa gravidade”, explicou Vilaverde, atribuíndo este logro ao modelo urbano de Pontevedra que modera a velocidade e fomenta a convivencia amable entre vehículos e peóns. Esta política permitiu que, malia producirse sinistros, os feridos graves e os ingresos hospitalarios descendan significativamente.

A Policía Local contabilizou en 2025 un total de 988 accidentes (sumando partes amigables), dos cales os axentes interviñeron directamente en 569 sinistros, o que supón unha baixada de 24 accidentes con respecto aos 593 rexistrados en 2024.

Dese total de 569 intervencións policiais, 132 foron accidentes con vítimas, resultando un total de 158 persoas afectadas. A comparativa co ano anterior reflicte que aínda que houbo máis vítimas leves que en 2024 (151 fronte a 102), o número de feridos graves reduciuse practicamente á metade, pasando de 13 en 2024 a só 7 en 2025 (considerando graves aqueles con ingreso hospitalario superior a 24 horas). A inmensa maioría, 116 persoas, só requiriron atención en urxencias sen ingreso posterior.

Atropelos e seguridade peonil

No tocante aos atropelos, rexistráronse 34 accidentes deste tipo con 36 persoas afectadas. A maioría producíronse en pasos de peóns sen semáforo (20 casos), que son os predominantes na cidade. Tamén neste apartado destaca a baixa gravidade: das 36 persoas atropeladas, soamente unha foi considerada ferida grave, mentres que 29 recibiron atención en urxencias sen ingreso e o resto foron asistencias sanitarias leves ou inmediatas.

A estatística revela que o accidente máis habitual na cidade é o choque contra un obstáculo fixo (186 casos), seguido da colisión frontolateral (62) e os alcances (44). Por tipo de vehículo, os turismos seguen sendo os máis implicados (726), seguidos de furgonetas e camións ríxidos; mentres que os Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP) estiveron implicados en 18 accidentes e as bicicletas en 10.

En canto á localización, as vías que rexistraron maior sinistralidade en 2025 foron:

  1. Avenida de Montecelo (28 accidentes)
  2. Avenida de Bos Aires (21)
  3. Avenida de Lugo (18)
  4. Avenida de Vigo (17)
  5. Eduardo Pondal (15).

Compartir publicación: