Un bordado de máis de 1.000 puntadas, 40 horas de traballo e 100 metros de fío realizado pola artista Maritza Berttolini ilustrará o cartel da XXVII edición do Salón ‘Que non pare a música!’

A artista e bordadora mexicana, establecida en Pontevedra hai máis de 6 anos, plasmou na súa ilustración bordada os libros, a temática musical e Palestina, país convidado no 2026

Berttolini reivindica, nos tempos da IA e as présas, o feito a man con agarimo e paciencia.

O concelleiro Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Maritza Berttolini o cartel do Salón 2026. Unha peza ilustrada e bordada a man na que a artista mexicana establecida en Pontevedra investiu máis de 40 horas e 100 metros de fío, transformados en máis de 1000 puntadas.

Demetrio presentou a artista “nacida en México pero residente en na nosa cidade hai máis de 6 anos, que representa a esa Pontevedra á que lle gusta que os seus veciños e veciñas veñan doutros países. Ela é un caso destes. Temos un cartaz que recolle moito o espírito do Salón polo obvio dos libros, a música, o feminismo. Tamén, e de xeito menos evidente, que nestes tempos de IA, de creacións que non se sabe quen as fai, gústanos apostar polo que tamén é o Salón: fabricar as cousas coas nosas mans e empregar técnicas tradicionais”.

A artista, que imparte aulas de bordado na cidade e reivindica esta técnica como “un estilo de vida e un xeito de crear comunidade”, debullou o cartel e as diferentes fases creativas: “nunha primeira fase empreguei como punto de partida a música, os libros e Palestina. Busquei facer unha representación gráfica da música con pentagrama, notas, instrumentos. Vemos un libro aberto cun pentagrama debuxado que cobra vida, converténdose nun camiño que leva a un edificio onde habitan os músicos que saen á fiestra a tocar os seus instrumentos. O tellado do edificio é un libro musical. En conxunto a miña intención foi representar a literatura que leva a un mundo de fantasía. “

“Por último, destacar que é un cartel feito a man, bordado, con máis de 40 horas empregadas, nas que fío e agulla entraron e saíron da tea máis de 1000 veces, empregando máis de 100 metros de fío. Neste mundo onde a era dixital e a IA cobran bastante peso na nosa vida diaria, empregar tanto tempo e darlle cabida á creatividade neste cartel é algo incríbel. Nun momento no que os tempos de produción deben ser rápidos e inmediatos, isto leva tempo e moita paciencia”, remarcou.

cartel salon 2026 pagina 1

Maritza Berttolini (Tabasco, México, 1996)
Artista téxtil especializada na transformación das súas ilustracións en bordado, entendendo esta técnica coma un xeito de contar historias e transmitir emocións.
Vive en Pontevedra desde hai seis anos e medio, onde desenvolve a súa carreira artística. Entre as súas exposicións máis recentes destaca a súa participación en “Diversa. V Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea”, inaugurada en 2025 na Fundación Abanca de Santiago de Compostela e actualmente en itinerancia por Galicia.
Amais do seu traballo artístico, imparte clases de bordado en Reclamo estudo, onde a aprendizaxe vai máis aló da técnica e convértese nun espazo de encontro, coidado e creación compartida.
Entre os seus traballos máis recentes está o cartel bordado para a edición 25/26 da Escola Feminista da Mocidade do Concello de Pontevedra, empregando o bordado coma ferramenta artística e reivindicativa.

Compartir publicación: