A deseñadora Tania Solla, co apoio de Quique Mauricio, crea unha ginkana con probas baseadas en obras de Berta Cáccamo, Mimina Arias, María Antonia Dans e Maruxa Mallo, que se une, a través dun paso formado por pinceis, a un mapa mundi que descobre pintoras dos distintos continentes.
A concellaría de Igualdade que xestiona Anabel Gulías tamén creou unha caixa de xogos “De Eva a Maruxa” que se repartirá entre os centros que fixeron a mostra e que contén quebracabezas, tres en raia, oca, cartas ou adhesivos con lemas das Guerrilla Girls
A Concellería de Igualdade que dirixe Anabel Gulías dá un novo paso no intento de achegar á rapazada unha perspectiva feminista da historia da arte, creando no parque da rúa Pintor Laxeiro, no barrio da Parda, un circuíto de xogos, de 15 metros de ancho por seis de largo, inspirado nalgunhas das autoras galegas que aparecían na exposición De Eva a Maruxa, un percorrido pola Historia da Arte con perspectiva feminista que baixo a batuta do Consello Municipal da Muller Nova do Concello de Pontevedra foi realizada o pasado ano por alumnado e profesorado de centros de secundaria do municipio e O Garaxe Hermético.
Os traballos que desde finais do pasado ano vén realizando na zona a deseñadora Tania Solla con apoio de Quique Mauricio, un dos fundadores de Polo Correo do Vento, tiveron que paralizarse por culpa da choiva pero xa é visíbel no chan do parque parte do circuíto. Comeza cun percorrido en zig zag no que aparecen elementos icónicos da obra de Maruxa Mallo como a cuncha, a caveira e ata un ovni. A continuación, chega un xogo baseado en Carme Arias, Mimina, ideóloga dalgúns dos deseños de Sargadelos. Concretamente nos debuxos da icónica vaixela branca e azul da firma que obriga á rapazada a ir saltando e xirando seguindo un patrón perfilado no chan. O terceiro xogo é un peletre con forma dunha campesiña galega, que estaría inspirada na estética con que a pintora María Antonia Dans introduciu esta figura na súa obra. Tamén Berta Cáccamo está presente, a través dunha serie de burbullas que a rapazada ten que ir saltando co pé esquerdo ou dereito dependendo da cor que teñan as mesmas.
Esta parte baseada nas obras das pintoras galegas únese no parque a unha segunda zona na que se dan a coñecer mulleres artistas de distintas partes do mundo. A conexión faise a través dunha sorte de paso de peóns realizado por pinceis, que marca as distancias para permitir á rapazada facer probas de salto de lonxitude. Unha vez cruzado este, Solla elaborou un mapa mundi no que están representadas artistas de distintos puntos da xeografía mundial e que tamén é un xogo que obriga a rapazada a completar un circuíto polo distintos continentes seguindo o itinerario marcado e evitando pisar os peixes, que emulan o logo da exposición.
A idea de Igualdade é que o parque serva para dar a coñecer as artistas e por iso cada xogo levará aparellado tanto o rostro como o nome das mulleres que inspiraron as distintas probas da ginkana deseñada por Solla.
Xogos reunidos con perspectiva feminista
Converter nun pasatempo o achegamento á arte desde unha visión de xénero é tamén o obxectivo da caixa de xogos “De Eva a Maruxa” que o Concello repartirá entre os centros que colaboraron na mostra. No seu interior garda unha vintena de láminas que reproducen cada un dos paneis da exposición xunto a distintos xogos tradicionais, baseados en deseños do alumnado participante. En concreto, a caixa contén o taboleiro dun tres en raia onde cada círculo inclúe unha das versións que o alumnado do Torrente Ballester fixo de cadros de artistas europeas así como un quebracabezas coas versións de obras de galegas contemporáneas como Cáccamo, Mónica Alonso, Menchu Lamas, Paula Noya ou Almudena Fernández Fariña realizadas por alumnado do IES A Xunqueira 2. Hai ademais un xogo da oca que é unha liña do tempo na que cada cuadrícula inclúe unha obra dunha artista, e o laberíntico percorrido característico do xogo vai formando un paseo cronolóxico pola historia da arte. Tamén, claro, son obras de mulleres as pontes, os dados ou o pozo que forman parte deste mítico xogo. Complétase a oferta lúdica cun xogo de cartas de memoria, para que a rapazada una a pintores famosos como Diego Rivera ou Pablo Picasso con pintoras como Frida Kahlo ou Dora Maar e, dándolle a volta á historia, neste caso eles aparecen como compañeiros delas mentres que as cartas femininas inclúen un pequeno resumo biográfico e artístico de cada pintora.
Na caixa pódese atopar unha colección de adhesivos que reproducen os carteis das Guerrilla Girls traducidos ao galego.
Desde o inicio foi o desexo da concelleira de Igualdade Anabel Gulías achegar a temática de xeito ameno e por iso, xa a exposición completaba os vinte e catro paneis con xogos, algúns deles reproducidos na caixa que este ano se entregará aos centros.
Baseado en “De Eva a Maruxa”
Tanto a intervención artística no parque de A Parda como a caixa de xogos baséanse na exposición De Eva a Maruxa, un percorrido pola Historia da Arte con perspectiva feminista que se inaugurou nos albores do pasado verán no Mercado Municipal e que agora percorre os distintos centros participantes na súa elaboración. En concreto, ata o 9 de febreiro estará no IES Frei Martín Sarmiento de onde se trasladará ao Sánchez Cantón, ao Valle Inclán, ao Sagrado Corazón e ao Carlos Oroza, permanecendo quince días lectivos en cada lugar.
A exposición foi realizada o curso pasado nas aulas dunha ducia de centros do municipio (todos os CIFP e IES así como o CPR Sagrado Corazón e o Garaxe Hermético) e conta con 24 paneis, 12 xogos interactivos e outras estruturas complementarias que fan un percorrido pola relación das mulleres coas distintas formas de expresión da arte plástica (pintura, escultura, ilustración, muralismo, fotografía…) tanto desde a perspectiva de creadas como desde a de creadoras.
Aparecen artistas que ao longo da historia destacaron en distintos ámbitos, moitas delas descoñecidas para a meirande parte da poboación, mais tamén hai unha análise sobre o xeito en que as mulleres foron retratadas ao longo da historia, e de aí xorde o título da mostra. “De Eva a Maruxa” simboliza ese paso da muller creada á muller creadora. A Eva xurdida da costela de Adán foi retratada en moitas ocasións como símbolo da muller pecadora, nunha visión mixósina da relixión e a sociedade que se reflectiu na arte. En contraposición está Maruxa Mallo que simboliza a creadora feminista e transgresora.
A mostra iníciase cunha reflexión realizada polo CPR Sagrado Corazón de Praceres sobre a invisibilidade da muller na Arte, que se acompaña cunha liña do tempo que reflicte como a súa presenza neste ámbito foi evolucionando ao longo da historia. A partir de aí, a primeira parte da exposición é a centrada na muller “retratada” con paneis sobre a visión dela na arte relixiosa, que elaborou o IES A Xunqueira I, os roles das mulleres nas obras, que foi o ámbito de traballo do IES Sánchez Cantón, e o tratamento do corpo da muller, que foi estudado polo IES Valle Inclán. A segunda parte céntrase nas mulleres suxeito, é dicir, nas artistas. Hai paneis de autoras galegas, tanto as pioneiras que rescatou o CIFP Montecelo,como as contemporáneas que son homenaxeadas polo IES A Xunqueira 2.
Varios dos centros foron máis alá de investigar e divulgar sobre a temática proposta e fixeron as súas propias reinterpretacións artísticas de cadros de mulleres. O IES A Xunqueira 2 homenaxeou a obra de artistas galegas, moitas delas vinculadas a Pontevedra mentres que o IES Torrente Ballester aplicou á mostra o talento artístico do seu alumnado, con versións das obras de autoras europeas (o tema abordado por este centro) como Artemisia Gentileschi ou Angelica Kauffmann. E as artistas de fóra de Europa foron estudadas polo IES Luís Seoane, que se atreveu a facer un photocall coa súa versión do cadro As dúas Fridas de Frida Kahlo.
Pola súa parte, o alumnado do IES Frei Martín Sarmiento, que se encargou na mostra de homenaxear as fotógrafas, fixo versións de imaxes tan icónicas como A chiscadela de Dorothea Lange ou Filla dun oficial alemán suicídase con cianuro de Lee Miller.
A mostra ten tamén oco para as ilustradoras, coa recuperación por parte d’O Garaxe Hermético da biografía e algúns dos traballos máis icónicos das galegas Emma Ríos e Lucía Cid. Por último, o alumnado de Promoción da Igualdade de Xénero (PIX) do CIFP A Xunqueira visibilizou esas creadoras e colectivos que a través de murais ou performances feministas foron reivindicando o dereito das mulleres artistas a ocupar o espazo. Na súa proposta atopamos o traballo de galegas como Luz Darriba, Cuqui Piñeiro ou Nana, mais tamén interpelan ás persoas visitantes a pórse na pel das míticas Guerrilla Girls ou da tamén galega Lula Doce, intervindo nun “muro” colocado ad hoc na exposición.
É ademais unha mostra respectuosa co medio ambiente. A produción foi realizada por alumnado do Ciclo Superior de Deseño e Xestión da Produción Gráfica do CIFP Montecelo, baixo a coordinación de Silvia López Costa, Ricardo Fernández Costas, Elia Santos Novas e José Saá Merino. A prioridade foi utilizar materiais procedentes da reciclaxe ou cen por cen reciclábeis.