Nunha xuntanza “moi cordial” celebrada en Michelena 30, os concelleiros Raimundo González, Xaquín Moreda e María José Abilleira trasladaron as grandes cifras dunhas contas que acadan os 103,7 millóns de euros e emprazáronse a futuras reunións.
A rolda de contactos continuará este luns ás 19.00 horas coa convocatoria do Consello Económico e Social (CES).
O Goberno local continúa coa súa folla de ruta para a aprobación do orzamento municipal de 2026, priorizando o diálogo co tecido social da cidade. Tras pechar o apoio político do grupo socialista, o executivo municipal reuniuse onte cos representantes da cidadanía a través da Federación de veciños Castelao.
O encontro, celebrado na sede administrativa do Concello en Michelena 30, desenvolveuse nun ambiente de máxima cordialidade. A reunión contou coa presenza do concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González; o concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda; e a responsable das Parroquias do Rural, María José Abilleira. Para o Goberno local, o movemento asociativo é un piar fundamental na construción da cidade, polo que durante a sesión non só se expuxeron as grandes liñas económicas, senón que o goberno escoitou e recolleu as demandas veciñais ao orzamento.
Durante a presentación, trasladáronse as grandes cifras dun documento que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, definiu este mércores como o “máis grande da historia de Pontevedra”, acadando un total de 103.768.000 euros. O rexedor destacou que este volume económico, que medra un 5,21% respecto ao ano anterior, é posible grazas a unha xestión que mantén a administración con “débeda cero”.
Entre os datos desglosados destacan:
- Bens e servizos correntes: a partida máis avultada (54,6 millóns), centrada no mantemento duns servizos de “altísima calidade de vida”.
- Aposta polo social e o rural: o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) increméntase notablemente nun 27,97%, mentres que o mantemento do rural experimenta unha subida idéntica do 27,97%, acadando os 950.000 euros.
- Investimentos reais: o capítulo de investimentos dispárase un 24,37% ata os 15 millóns de euros, permitindo financiar proxectos transformadores como o Pavillón de Monte Porreiro, o Parque da Parda, a mellora de Mollavao e a renaturalización do Gafos.
- Reforzo de persoal: as contas contemplan o fortalecemento do cadro de persoal municipal, incluíndo novas prazas de policía, traballo social e perfil técnico.
Vindeiros pasos: o CES
Ao remate do encontro, ambas as partes emprazáronse a futuras reunións para seguir afondando na colaboración. A rolda de presentación do orzamento continuará na vindeira reunión do Consello Económico e Social (CES) convocada para este luns ás 19.00 horas, tamén nas dependencias de Michelena 30, para seguir compartindo e enriquecendo o proxecto económico cos axentes sociais da cidade.