O Concello reafirma a súa aposta pola literatura co club de lectura Ler (en) Pontevedra e o obradoiro de creación literaria Escribir (en) en Pontevedra.

Á proposta Ler (en) Pontevedra que botou a andar en outubro, retoma a súa actividade e programa 5 novos encontros lectores entre febreiro e xuño.

Fina Casalderrey, Sara Vila, Tamara Andrés, Xesús Constenla e Manuel Lourenzo acudirán a diversos espazos culturais da cidade para conversar sobre as súas respectivas obras coas persoas participantes.

Amais de ler, tamén haberá oportunidade de escribir da man da proposta de creación narrativa Escribir (en) Pontevedra que terá lugar entre marzo e abril da man do escritor Manuel Lourenzo.

Ambas iniciativas, de balde, teñen xa aberto o prazo de inscrición en apuntate.pontevedra.gal

O concelleiro Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado do escritor Manuel Lourenzo dúas iniciativas relacionadas co mundo da literatura: Ler (en) Pontevera e Escribir (en) Pontevedra.

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, citou ao editor Manuel Bragado que “hai uns días, na presentación coma un dos homenaxeados do Salón do Libro, comentaba que Pontevedra é unha cidade literaria que non ten nada que envexar a niguén. Coincidíamos en que a literatura ten unha parte social, colectiva que é moi importante. En Pontevedra somos especialistas niso: aí está o Salón do Libro, os roteiros literarios, Ponteatro e Domingos do Principal que son literatura posta sobre as táboas e tamén iniciativas privadas como o premiado Polo Correo do Vento, as nosas librarías, editoriais punteiras. Para afondar nesta celebración colectiva da literatura é para o que poñemos en marcha este dous proxectos, dedicados a esa Pontevedra que vive de portas para fóra e que lle gusta convivir.  Queremos con eles centrarnos na literatura que xa existe e na literatura que queremos que haxa e que vai haber.”

LER (EN) PONTEVEDRA

“Sobre a literatura que xa hai, temos Ler (en) Pontevedra, un club de lectura que botou a andar en outubro. Unha proposta para xuntarnos a falar de libros que teñen a Pontevedra no centro, ben porque as autoras e autores autores son de Pontevedra ou porque a temática é a nosa cidade. Serán 5 encontros de aquí a verán, un por mes. Logo do verán haberá máis. Atoparémonos co autor ou autora en espazos emblemáticos da nosa cidade para falar dunha das súas obras”.

O edil apuntaba tres requisitos para participar: “que che guste a literatura, que leas o libro sinalado e formalices a inscrición de balde en apuntate.pontevedra.gal porque precisamos saber quen quere participar e poder citalo. Nos anteriores encontros, houbo xente incluso en lista de agarda”.

MÉRCORES 25 DE FEBREIRO, 19.00 horas.

Encontro con Fina Casalderrey a partir da obra: A muller xabaril (Edicións Xerais de Galicia).

MÉRCORES 25 DE MARZO, 19.00 horas.

Encontro con Sara Vila a partir da obra: O incendio (Edicións Xerais de Galicia).

MÉRCORES 29 DE ABRIL, 19.00 horas.

Encontro con Tamara Andrés a partir da obra: Eu son de aquí e de alá (Editorial Galaxia).

MÉRCORES 27 DE MAIO, 19.00 horas.

Encontro con Xesús Constenla a partir da obra: Doce Voz de Megafonía (Edicións Xerais de Galicia).

XOVES 25 DE XUÑO, 19.00 horas.

Encontro con Manuel Lourenzo, cunha camiñada pola cidade a partir da obra: Cegoñas no fondo da ría (Urco Editora).

ESCRIBIR (EN) PONTEVEDRA

Unha iniciativa nova “sobre a literatura que vai haber” apuntaba o edil. “Non podíamos estar mellor guiados que por Manuel Lourenzo neste obradoiro de narrativa literaria para un máximo de 15 persoas para xa temos un formulario aberto en apuntate.pontevedra.gal.

Lourenzo avanzaba que o obradoiro de narrativa para “aprender do que xa está feito, de mestres e mestras anteriores: técnicas de escribir, diversos xéneros nos que moverse. Nun tempo limitado non podemos pensar en grandes proxectos pero eu enfoco isto como una experiencia literararia cunha proposta concreta na que traballar e desenvolver. Cuns límites e unhas pautas para que as persoas que participen coincidan nunha serie de cousas pero enfoquen desde o seu punto de vista persoal desde o punto de vista de xénero, tratamento, personaxes, estilo, dimensión e todo o que son elementos da narrativa”.

“Serán 4 sesións os xoves 12 e 26 de marzo e 16 e 30 de abril de 18.30 h. a 20.30 h. no Pazo da Cultura. Estarán separadas entre si por 15 días para que, amais do traballo que faremos nestre encontros persoais é importante o traballo que se faga na casa, de xeito que a partir dunha idea básica, desenvolvan ata darlle un final o máis lograda posible pensando nunha posible edición”.

Compartir publicación: