Lores e Puentes poñen Pontevedra “por riba de todo” e acordan os Orzamentos 2026 centrados na excelencia e calidade de vida 

O alcalde destaca que é o orzamento “máis grande da historia de Pontevedra” que ascende a 103,7 millóns. Subliña a “débeda cero” e resalta o incremento do 24% dos investimentos reais con fortes partidas para Monte Porreiro, A Parda, Mollavao e instalacións deportivas.

O portavoz municipal Iván Puentes celebra que nun contexto estatal e internacional de “crispación irrespirable e de política inútil, en Pontevedra somos capaces de falar e de poñernos de acordo”. “Fronte á utilidade do voto ao PSdeG para exercer a oposición -asegura Puentes-, temos a inutilidade do voto ao PP e a Rafa Domínguez, aos que os pontevedreses tampouco terán neste 2026 nin unha soa contribución que agradecerlles”. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o portavoz do grupo municipal do PSdG-PSOE, Iván Puentes asinaron esta mañá o acordo para a aprobación dos orzamentos municipais de 2026, un documento económico que ascende a 103.768.000 euros, o que supón un incremento do 5,21% respecto das contas de 2025.

Lores cualificou este proxecto de orzamento como o “máis grande da historia de Pontevedra”, un crecemento que responde ao aumento da actividade económica e dos ingresos do Estado, pero tamén a unha xestión eficiente que permitiu reducir gastos financeiros “porque temos débeda cero”. O obxectivo destas contas é “seguir avanzando na liña de facer de Pontevedra un referente” e manter uns servizos de “altísima calidade de vida”.

O alcalde puxo en valor o entendemento entre as dúas forzas políticas como un “exercicio de responsabilidade” pensando no “interese xeral da veciñanza”. Destacou que grazas a este pacto “somos capaces, cedendo polas dúas partes, de chegar a un acordo que non paraliza a cidade”.

Lores desvelou que o Partido Popular e o seu voceiro, Rafa Domínguez, non achegaron ningunha proposta ao borrador. “É a nada, non hai alternativa ningunha, inoperancia e nada máis”, sentenciou o alcalde, criticando que o PP se limite a “ir detrás de calquera problema” sen presentar “propostas serias e sensatas”.

As grandes cifras do orzamento desglósanse da seguinte maneira:

  • Persoal: A partida sobe ata os 29.413.859,07 euros, un incremento de 573.113,23 euros (+1,99%). Este aumento permitirá reforzar o cadro de persoal coa creación de novas prazas:
  • Tres axentes de policía e un inspector principal.
  • Un arquitecto.
  • Dous técnicos medios (un para mantemento e outro para intervención).
  • Un enxeñeiro/a informático/a.
  • Un traballador/a social.
  • Bens e servizos correntes: é a partida máis avultada, representando o 52,71% do orzamento total. Ascende a 54.690.930,26 euros, cun aumento de 2.872.572,66 euros (+5,54%). Dentro deste apartado destacan:
  • Residuos: o contrato de residuos sólidos urbanos increméntase en 1.289.700 euros.
  • Mantemento: o mantemento urbano sobe 95.000 € e o mantemento rural dispárase un 27,97%, acadando os 950.000 euros (unha subida de 265.700 €).
  • Servizos Sociais (SAF): o Servizo de Axuda no Fogar aumenta un 27,97%, con 598.000 euros adicionais.
  • Gasto eléctrico: a partida redúcese en 1.595.000 euros grazas ao aforro enerxético pola instalación de LEDs (máis do 80% do parque público renovado no concello). Non obstante, increméntase a iluminación das festas (especialmente para Nadal) en 45.000 €.
  • Outros: Estudos de mobilidade (avda. Compostela, Augusto García Sánchez), mantemento de colexios e fontes, e programas de igualdade e coñecemento do monte.
  • Investimentos reais: é o capítulo que experimenta o maior crecemento porcentual, cunha subida do 24,37% respecto a 2025, sumando un total aproximado de 15 millóns de euros. As principais actuacións previstas son:
  • Equipamentos e espazos urbanos:
  • Pavillón de Monte Porreiro: 2.331.000 €.
  • Eficiencia enerxética (zona centro e norte): 2.321.000 €.
  • Parque da Parda: 2.119.600 €.
  • Mollavao e Rosalía de Castro: 1.863.300 €.
  • Renaturalización do Gafos: 4.209.300 €.
  • Rúa Casimiro Gómez: 543.500 €.

Intervención de Iván Puentes, portavoz do PSOE

Tal e como subliñou o portavoz do PSOE, Iván Puentes, este acordo “lanza dúas mensaxes, dúas conclusións, moi claras: primeiro, unha mensaxe moi produtiva do que significa ser capaces de dialogar, de pactar e de exercer a democracia entre dous grupos políticos diferentes; fronte a un universo estatal e internacional de crispación irrespirable e de política absolutamente inútil e condenable, en Pontevedra somos capaces de falar e de exercer iso que era antigamente normal, é dicir, que as formacións políticas se puxeran de acordo, e que hoxe parece case unha utopía fóra desta cidade e mesmo destes dous grupos. A segunda mensaxe é a da utilidade do voto ao PSdeG para exercer a oposición, fronte á inutilidade do voto ao PP e a Rafa Domínguez, porque novamente, como xa pasou en 2025, neste 2026 os pontevedreses non terán absolutamente nada que agradecerlles a Domínguez e ao seu partido”. 

“Negáronse a facer a máis mínima contribución a estes orzamentos. Nós non compartimos ese xeito de facer oposición e entendemos que a xente nos votou para ser útiles, para facer a cidade gobernable e para que, cando hai posibilidade de entendernos e de deseñar uns orzamentos que respostan á vontade e ás prioridades dos programas das dúas formacións políticas, haxa acordos e orzamentos que permitan que a cidade funcione con normalidade”, afirmou.

Para Puentes, os “tres meses de negociación intensa” que permitiron este pacto orzamentario “pagaron a pena”, porque “efectivamente, o acordo redunda en beneficio de tódolos pontevedreses e pontevedresas, que van ter orzamento, e por tanto, os dous grupos políticos imos garantir que o Concello funcione con plena normalidade durante este 2026 e dispoñendo de fondos para abordar todos os problemas, demandas veciñais e retos que a cidade ten por diante”. O portavoz socialista puxo en valor que, a día de hoxe, “un 80% do acordado en 2025 está xa cumprido ou en fase de cumprimento, supoñendo nestas contas uns 3,5 millóns de euros”, mentres que as novas propostas achegadas polo PSdeG e apoiadas polo BNG ascenden a uns 6,5 millóns (as achegas con sinatura socialista supoñen máis de 10 millóns de euros).

“No capítulo de investimentos reais destacan eses 15 millóns de euros -salientou-, dos que practicamente todos xorden do acordo, xa que ou ben son proxectos que o Partido Socialista puxo enriba da mesa e que o BNG aceptou, ou propostas que o Goberno Local tiña xa en marcha e que contan co apoio total do PSOE (e que mesmo foron compartidas noutros mandatos). Polo tanto, un acordo pleno, amplo e global, non só nese capítulo 6, senón no conxunto do orzamento”.

Puentes destacou os investimentos que se destinarán aos barrios e o rural pontevedrés, “que suman unha boa parte das achegas do PSOE”; as aportacións para incremento e mellora dos servizos públicos, esencialmente en ensino, política social e seguridade; a atención “a un problema que teñen tódolos pontevedreses e pontevedresas, que é o da vivenda; así como as partidas orientadas á xeración de emprego e ao desenvolvemento económico da cidade.

Compartir publicación: