O Concello e os hoteleiros celebran o éxito dos Feroz cun 95 % de ocupación e a consolidación de Pontevedra como destino turístico descentralizado 

 O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a voceira dos hoteleiros, Patricia Sierra, destacan o impacto económico logrado grazas á estratexia de captación de eventos culturais e deportivo 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá xunto a Patricia Sierra, voceira e membro da directiva da Asociación de Hoteleiros de Pontevedra, para valorar a incidencia da celebración dos Premios Feroz no sector turístico da cidade. Ambos os dous cualificaron o evento como un éxito rotundo, confirmando unha ocupación hoteleira do 95% nos establecementos asociados e ratificando a desaparición da tempada baixa na cidade.

Segundo sinalou Sierra, o impacto dos Premios Feroz non se limitou unicamente ás dúas xornadas principais da gala. A actividade nos hoteis comezou xa no mes de outubro, con reunións preparatorias, visitas de directores e participantes, xerando un fluxo constante de aloxamento previo ao evento.

A voceira dos hoteleiros subliñou que os 12 hoteis que conforman a asociación na capital acadaron unha ocupación do 95 %. Ademais, destacou o perfil dos hóspedes —actores, directores e profesionais do sector audiovisual— como “o mellor perfil”, dado que veñen cunha organización previa moi detallada por parte da produtora, o que minimiza as incidencias en servizos como comidas ou lavandaría.

O alcalde Lores explicou que a negociación para traer os Feroz a Pontevedra buscaba ir máis alá do “glamour” dunha gala. O obxectivo principal era que a cidade participase e que estes eventos culturais, xunto con congresos e citas deportivas internacionais, tivesen unha repercusión positiva tanxible no emprego e na economía local. “O que queremos é que pasen cousas en Pontevedra e que teñan unha repercusión positiva na economía”, afirmou o rexedor, destacando a importancia dos hoteis para lograr desestacionalizar o turismo.

Pola súa banda, Sierra confirmou que esta estratexia está a dar froitos: “Por fin podemos dicir que non temos unha tempada baixa”. A voceira sinalou que a cidade encadea eventos de xeito continuo: tras os Feroz en xaneiro, nas vindeiras semanas contarán con campionatos de natación que atraerán a familias, seguidos da chegada de peregrinos e congresos médicos ou doutra índole cara a finais de ano, como o de reumatoloxía celebrado recentemente.

A situación do sector é tan positiva que Sierra indicou que teñen practicamente todo ocupado para o ano en curso. O sector traballa xa con previsións a longo prazo, xestionando reservas para os anos 2027 e 2028, especialmente vinculadas a grupos organizados de peregrinos con alto nivel adquisitivo e, potencialmente, ao regreso de eventos recorrentes.

O Concello de Pontevedra conta co apoio da Deputación provincial na financiación da edición 2026 da Gala dos premios Feroz.

Compartir publicación: