Máis de 80 alumnas e alumnos da Universidade de Vigo, do CIFP Carlos Oroza e da Aula Municipal de Teatro intégranse na organización do evento como “recurso formativo de primeiro nivel”, sumándose á participación do coro do IES A Xunqueira 1, ao sector da imaxe persoal e ao tecido empresarial local.
A celebración dos Premios Feroz transcende o ámbito puramente cinematográfico para converterse nunha ferramenta educativa e de dinamización socioeconómica sen precedentes. O Concello de Pontevedra, en colaboración coa organización do evento, integra a máis de 80 estudantes de diferentes centros educativos da cidade na loxística e produción da gala e que viven dende dentro a complexidade dun dos eventos culturais máis importantes do Estado. O alcalde recibiu esta mañá aos responsables da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, do CIPF Carlos Oroza e da Aula de teatro municipal e puxo en valor esta experiencia.
Emma Torres Romay, decana da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, salientou que esta alianza supón “unha oportunidade con moitas posibilidades” que engade o valor da formación á dinamización económica do evento. O estudantado dos graos de Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual, así como do máster en redes sociais, está a traballar en contacto directo coa realidade do sector e os seus profesionais. “Pontevedra tense convertido no plató do que fan os nosos estudantes”, afirmou Torres Romay, quen celebra que a facultade se sinta cada vez máis integrada na cidade.
Pola súa banda, Eva Lage, xefa de estudos do CIFP Carlos Oroza, cualificou de “soño” a posibilidade de que o alumnado participe tan de preto nun evento que pon a Pontevedra no foco estatal. A colaboración involucra a estudantes dos ciclos de guía e asistencia turística, así como á primeira promoción do novo máster de FP en Coordinación de Persoal para eventos. O entusiasmo é tal que, segundo explicou Lage, o alumnado ofreceuse a regresar de Fitur para non perder a oportunidade de colaborar na gala.
No ámbito artístico, a participación tamén é directa. Anxo Lourido, responsable da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra, explicou que nove persoas (oito mulleres e un home) están a vivir un “subidón” tras seren seleccionadas para realizar os ensaios técnicos facendo as veces de dobres das e dos presentadores oficiais. Este labor permítelles coñecer o proceso técnico de cámaras, luces e lectura de guión nunha contorna profesional, o que supón un salto cualitativo na súa formación afeccionada.
Asemade, cómpre lembrar que o coro do IES A Xunqueira 1 tamén terá un papel activo, participando directamente durante a cerimonia de entrega dos premios. O alcalde fíxolles unha visita esta mañá no seu centro de ensino.
Tecido empresarial
Esta aposta polo talento local esténdese máis aló do ámbito educativo. O tecido empresarial pontevedrés ten un protagonismo destacado con patrocinadores como Paco & Lola, Krack e El Nogal, que deseñaron produtos e accións específicas para a gala. Do mesmo xeito, a imaxe das persoas nomeadas e convidadas estará en mans da Asociación Provincial de Salóns de Peiteado e Beleza de Pontevedra, cuxas profesionais xestionarán en exclusiva os servizos de peiteado e maquillaxe, poñendo en valor a calidade do sector servizos da provincia.
Para completar a experiencia, e co obxectivo de que as persoas convidadas coñezan a riqueza patrimonial da cidade, o servizo de Turismo do Concello organizou para a mañá do 24 de xaneiro unhas visitas guiadas polo centro histórico.
Toda esta despregadura organizativa, liderada por Feroz e o Concello de Pontevedra, conta coa colaboración indispensable da Deputación de Pontevedra, que apoia o financiamento do evento. Con esta estratexia global, Pontevedra consolídase como un referente onde a cultura, a educación e a empresa traballan da man.