O dispositivo, acordado entre a Policía Local e a organización, establece itinerarios peonís para ver a alfombra vermella e regula o estacionamento no ámbito do Recinto Feiral e do Pazo da Cultura dende o vindeiro luns
O Concello de Pontevedra, en coordinación coa organización dos Premios Feroz e a Policía Local, deseñou un plan de tráfico e mobilidade peonil específico para a celebración da gala que terá lugar o vindeiro sábado 24 de xaneiro. O obxectivo prioritario é permitir que a veciñanza e as persoas visitantes gocen das diversas actividades —alfombra vermella, gala e retransmisión— con total seguridade, ao tempo que se minimizan as molestias para quen habitualmente emprega os estacionamentos da zona.
As medidas comezarán a aplicarse a partir do luns 19 de xaneiro, data na que se prohibirá o estacionamento nunha franxa pegada á fachada do Recinto Feiral na rúa Alexandre Bóveda para a colocación de instalacións técnicas, aínda que se permitirá aparcar na maior parte desta superficie.
Tamén dende o luns 19, acoutarase un espazo na explanada superior do Pazo da Cultura, na zona próxima á entrada do Recinto Feiral. Alí instalarase unha carpa de 40 metros de lonxitude perpendicular ao recinto para protexer a alfombra vermella. A pesar disto, os vehículos poderán seguir accedendo á explanada para estacionar polo acceso habitual, tendo a saída habilitada a través dun carril cara á rúa Enxeñeiro Rafael Areses, á altura da estatua de Rosalía de Castro. Estas medidas iniciais manteranse até o martes 27 de xaneiro.
O peche máis restritivo producirase a partir do venres 23 de xaneiro, cando se pechará o estacionamento do Recinto Feiral na rúa Rafael Areses e a explanada do Pazo da Cultura a partir das 09.00 horas. A zona volverá estar operativa para o aparcamento o domingo 25 de xaneiro.
O sábado 24 de xaneiro, día da gala, o mercado ambulante celebrarase con normalidade pola mañá. Tras o seu peche ao mediodía, a rúa Enxeñeiro Rafael Areses pecharase ao tráfico para permitir o acceso exclusivo dos vehículos que trasladarán ás persoas nomeadas á alfombra vermella. Cómpre destacar que a rampla habitual de baixada de vehículos da explanada do Pazo quedará totalmente pechada ao paso de peóns durante a tarde do sábado, ao ser a vía de entrada e saída da comitiva oficial.
Itinerarios peonís para vivir a gala
Para facilitar a asistencia de público, habilitáronse fluxos peonís específicos. As persoas que desexen ver a alfombra vermella poderán acceder polas ramplas da explanada do Pazo da Cultura dende a avenida de Compostela, así como polo acceso de Rafael Areses máis próximo á Policía Local (habitualmente para vehículos, pero pechado ao tráfico ese día).
Pola súa banda, quen asista á retransmisión da gala no Pazo da Cultura tamén poderá acceder polo mencionado acceso de Rafael Areses. Para evitar aglomeracións, a entrada ao Recinto Feiral pola rúa Alexandre Bóveda reservarase exclusivamente para as acreditacións das persoas convidadas á gala.
Unha semana de cine
A cidade xa vive unha programación previa intensa con proxeccións das obras finalistas e coloquios coas persoas nomeadas, fomentando o encontro entre o sector audiovisual e o público. A aposta por unha gala aberta á cidadanía refórzase coa habilitación de 900 prazas no Pazo da Cultura para seguir a cerimonia en directo.
Este evento, organizado pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (Feroz) en estreita colaboración co Concello de Pontevedra e o apoio da Deputación de Pontevedra, destaca pola súa forte pegada local. Na produción participan arredor de 20 empresas galegas e marcas patrocinadoras como Paco & Lola, Krack ou El Nogal.
Ademais, o talento pontevedrés será protagonista grazas á Asociación Provincial de Salóns de Peiteado e Beleza, que asume en exclusiva os servizos de imaxe, e á participación de estudantado da Universidade de Vigo, o IES Carlos Oroza, a Aula Municipal de Teatro e o coro do IES A Xunqueira 1.