Fernando Pintos e Polo Correo do Vento, premios Cidade de Pontevedra no 2025 

O xurado escolleu por consenso e unanimidade na categoría de persoa física ao veciño de Salcedo e presidente da súa comunidade de Montes até este 2026, namentres o colectivo artístico se fixo co galardón na categoria de persoa xurídica 

A Boa Vila homenaxeará o vindeiro 20 de xaneiro, San Sebastián, a Fernando Pintos e a Polo Correo do Vento, gañadores dos Premios Cidade de Pontevedra 2025 nas categorias de persoa física e persoa xurídica, respectivamente.

Fernando Pintos exerceu como presidente da Comunidade de Montes de Salcedo até o pasado ano. Gómez destacou a súa figura como un defensor incansábel dos dereitos do monte e da parroquia, un home que loitou contra as expropiacións de facto do monte comunal e que velou sempre polo patrimonio histórico, etnográfico e cultural desta parroquia.

Doutra banda, Polo Correo do Vento vén amosando desde a súa creación unha excelencia artística recoñecida e recoñecíbel, así como un compromiso para coa cultura galega e pontevedresa. Gómez expresou o seu orgullo por este proxecto nado en Pontevedra, que destaca pola súa capacidade creativa excepcional e polo seu foco no público infantil con materiais de extraordinaria calidade.

A distinción recoñece o labor de Polo Correo do Vento na defensa e recuperación da cultura e o patrimonio galego. Este proxecto, impulsado por Quique Mauricio e Carlos Taboada, recibe o galardón nun momento especialmente emotivo tralo recente falecemento de Taboada. Gómez cualificou esta perda como “inmensa para a cultura galega e pontevedresa” e sinalou que para o Concello é un orgullo e unha honra poder outorgar este premio neste ano.

Cómpre lembrar que o xurado dos premios Cidade de Pontevedra está integrado por representantes dos tres grupos políticos da corporación, así como de entidades veciñais, de sectores sociais e dos medios de comunicación.

A cerimonia de entrega dos premios Cidade de Pontevedra levarase a cabo o vindeiro martes, día 20 de xaneiro, na Casa Consistorial, ás 13.00h.

Compartir publicación: