O concelleiro Xaquín Moreda subliña que manter en perfectas condicións os espazos de encontro e tránsito diario é unha “prioridade absoluta” deste mandato.
Esta actuación súmase a outras de recente execución en Bos Aires, Pilar Bértola e Valdecorvos.
A Concellaría de Servizos Urbanos Básicos continúa a desenvolver o seu intenso programa de mantemento dos espazos públicos, poñendo o foco nesta ocasión nun dos eixos máis transitados da cidade: a avenida de Marín. O departamento que dirixe Xaquín Moreda iniciou no comezo do ano traballos de renovación do pavimento nas zonas verdes do paseo dos tileiros, concretamente no tramo comprendido entre a rúa Manuel del Palacio e a desembocadura do río dos Gafos.
A intervención consiste na substitución das superficies de madeira por lastros de pedra nas áreas de paso obrigado que conectan os edificios coa ría. Esta decisión técnica responde á necesidade de solucionar os problemas derivados das características físicas da contorna: trátase dun espazo moi sombrío e con altos niveis de humidade, factores que provocaran un notable deterioro nas pezas de madeira e, o máis importante, convertíanas nunha superficie esvaradía e perigosa para quen camiña por elas.
O novo material elixido, o lastro de pedra, ofrece unha solución duradeira ao ser máis poroso e permeable, resistindo mellor as condicións de humidade e sombra da zona. Polo de agora, a actuación céntrase nos “panos de tránsito” principal dos peóns, mentres que nas zonas de menor uso incorpóranse ao xardín con herba ou manterase a madeira coa previsión de retirala nunha fase futura.
O concelleiro Xaquín Moreda destacou a relevancia estratéxica desta obra, máis alá da súa dimensión física. “Non estamos a falar só de cambiar un chan, senón de garantir a accesibilidade e a seguridade nun dos puntos de conexión máis importantes da cidade co noso paseo marítimo”, explicou o edil.
Moreda incidiu na repercusión directa destas actuacións na vida cotiá dado que este é un espazo de paso para ducias de persoas que cada día van facer deporte, pasear ou simplemente desprazarse polo bordo litoral; ter estes lugares de encontro e descanso ao día é fundamental para a calidade de vida urbana. O concelleiro reafirmou que o obxectivo é que a veciñanza poida gozar da cidade “sen barreiras e con total seguridade”, convertendo o mantemento preventivo e correctivo nun eixo central da xestión municipal.
O mantemento como prioridade de mandato
Esta nova obra na avenida de Marín non é un feito illado, senón que responde á política fixada a principios do mandato polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen estableceu o mantemento da cidade como unha liña de actuación prioritaria.
Seguindo ese mandato, a Concellaría de Servizos Urbanos Básicos suma a avenida de Marín a unha serie de intervencións que reflicten este compromiso coas “pequenas obras” que transforman o día a día:
- Avenida de Bos Aires e Camiño vello de Castela: Mellorouse a seguridade das sendas peonís mediante o parcheo do pavimento cara á praia fluvial e a compactación con xabre dos camiños do parque, respectivamente, para eliminar irregularidades.
- Rúa Pilar Bértola: O barrio gañou un novo espazo de convivencia trala demolición dunha vivenda que actuaba como tapón urbanístico, permitindo asfaltar a zona, regularizar cotas e crear novas prazas de estacionamento.
- Valdecorvos: Finalizouse a conexión peonil entre a Praza das Regas e a rúa da Sequiña, unha senda de 75 metros con rampla adaptada que mellora a accesibilidade do barrio.
- Mellora do arborado: Completáronse as plantacións e a reforma de beirarrúas nas rúas María Victoria Moreno e Avenida da Estación, asegurando que as árbores dispoñan de espazo adecuado sen danar o pavimento nin afectar ás vivendas.
Con estas accións, o Goberno local mantén a súa folla de ruta para asegurar que o espazo público de Pontevedra continúe a ser un referente de calidade e benestar para toda a cidadanía.