O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presidirán este 7 de xaneiro o acto de clausura dunha efeméride na que o Concello e máis dunha vintena de asociacións encheron a cidade de actividade cultural para honrar ao “veciño máis ilustre”.
O Concello de Pontevedra pon o broche de ouro á conmemoración do Ano Castelao este vindeiro 7 de xaneiro, coincidindo co 76º aniversario do pasamento do autor, cun acto institucional cargado de simbolismo e memoria. A homenaxe, prevista para as 12.00 horas, desenvolverase na Praza de España, concretamente ante o número 1, edificio onde residiron Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, durante a súa etapa pontevedresa.
O acto estará presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e contará coa presenza destacada de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, entidade impulsora da celebración do Ano Castelao en toda Galicia. O momento central será o descubrimento dunha placa conmemorativa no edificio onde viviu a parella, un xesto que busca deixar unha “lembranza permanente” na rúa de quen “escolleu ser pontevedrés”. Dende o Concello quixo facerse un agradecemento público á comunidade de veciños do inmoble por todas as facilidades dadas para a colocación deste distintivo.
Fiel ao espírito participativo que marcou todo o ano, a cerimonia non será un evento pechado, senón unha mostra do legado vivo de Castelao nas novas xeracións. Participarán activamente alumnos e alumnas dos institutos da cidade —os mesmos que protagonizaron o ‘Roteiro dos institutos’ e as lecturas públicas da obra do rianxeiro o pasado novembro—.
Asemade, o acto contará cunha compoñente visual e histórica única da man da asociación Os de Algures. Os seus integrantes asistirán vestidos co vestiario recuperado e fielmente reproducido da obra Os vellos non deben de namorarse, tal e como foi deseñado polo propio Castelao. Esta indumentaria, que formou parte da exitosa representación no Teatro Principal e que o colectivo levou este Nadal por distintos centros sociais, dotará á homenaxe dunha atmosfera especial, evocando a estética e o xenio artístico do homenaxeado.
Tamén están convidadas todas as asociacións que durante este último ano organizaron actividades no Ano Castelao e toda a Corporación municipal.
Balance dun ano de programación colectiva
O descubrimento desta placa serve de clausura a unha programación que, ao longo de 2025, celebrou o 75 cabodano de Castelao. Como sinalou o alcalde no Bando do Ano, “Castelao vive porque sen el a nosa cidade sería hoxe irrecoñecíbel”, lembrando a súa pegada na fundación do Museo, na Coral Polifónica ou na restauración de monumentos locais.
O Concello salienta que o éxito do Ano Castelao radicou na “impresionante colaboración” do tecido asociativo pontevedrés. Unhas 20 entidades locais fixeron posible un calendario transversal que tocou tódalas facetas do intelectual:
- Artes escénicas e música: O Teatro Principal acolleu unha representación histórica e única de Os vellos non deben de namorarse, froito da colaboración entre Os de Algures, Sete Espadelas e a Aula Municipal de Teatro, recuperando a escenografía e vestiario orixinais. Pola súa banda, o Ateneo de Pontevedra organizou o ciclo “Castelao 75 aniversario” con encontros poético-musicais.
- Ensino e divulgación: Os centros de ensino implicáronse a fondo a través dos equipos de normalización lingüística, sacando as lecturas de Castelao ás rúas e prazas emblemáticas como a Ferraría ou o Café Moderno.
- Actividades familiares e roteiros: A programación chegou a todos os recunchos e idades. Dende as propostas infantís ata os roteiros descentralizados polas parroquias, como o percorrido polos cruceiros de Lérez da man da Asociación Cedofeita ou o roteiro teatralizado de Salcedo Norte.
- Pensamento e política: O Café Moderno, antigo lugar de faladoiro de Castelao, recuperou a súa esencia co ciclo de conferencias organizado por Maio Longo e Vía Galega, que afondaron no ideario nacionalista do autor.
Este 7 de xaneiro, Pontevedra cumpre co compromiso adquirido a principios de ano no Bando oficial: facer que “Pontevedra siga a ser a cidade que amou e arelou o noso veciño”, reafirmando que, como el mesmo escribiu, sente aquí “como en ningures a necesidade cósmica da patria”.