Pontevedra ultima os preparativos para recibir mañá a súas Maxestades de Oriente

Os Reis Magos recibirán ás crianzas no Salón de Plenos ás 11.00 horas antes de percorrer as rúas da cidade a partir das 18.00 horas nunha espectacular comitiva con carrozas de Merlín, Star Wars e Tarzán.

O dispositivo especial de tráfico activarase ás 16.00 horas na zona de concentración e pechará o resto do circuíto ás 17.00 horas, garantindo itinerarios de acceso aos hospitais. 

Pontevedra está a dar os últimos toques para vestir as súas rúas de gala e recibir como merecen ás tres personalidades máis agardadas do ano. Melchor, Gaspar e Baltasar xa confirmaron a súa chegada á Boa Vila para mañá, 5 de xaneiro, dispostos a encher de ilusión, música e cor cada recuncho da cidade e, sobre todo, a premiar o bo comportamento dos nenos e nenas pontevedreses. O Concello teno todo listo para unha xornada inesquecible na que se repartirán un total de 2.000 quilos de caramelos ao longo de todo o percorrido.

A xornada máxica comezará pola mañá. As Súas Maxestades de Oriente queren escoitar de primeira man os desexos de última hora dos máis pequenos. Por iso, ás 11.00 horas, terá lugar a Recepción Oficial na Casa do Concello. Nesta ocasión, o encontro celebrarase no Salón de Plenos, onde os Reis Magos, logo de ser recibidos polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, atenderán a todas as crianzas que se acheguen a saudalos, recollerán as súas cartas e compartirán con eles os momentos previos á gran noite de Reis.

Pola tarde, a partir das 18.00 horas, a cidade transformarase nun grande escenario de fantasía coa saída da tradicional Cabalgata. A comitiva deste ano promete ser espectacular, abrindo paso coa Policía Local e o camión escaleira de Bombeiros, seguidos pola música da Banda de Salcedo.

A maxia e a animación estarán garantidas coa participación de múltiples compañías e espectáculos. Entre as atraccións máis destacadas figuran os “Flamingos” e “Medusas” de Barafunda, os zancudos de Hípica Celta, e as “Ovellas do Belén” de Rivel Animación. A música e o ritmo correrán a cargo da Charanga Xuntanza, os Gaiteiros Celme, o grupo folclórico “Pola Vila”, Duos Pontes e a percusión de Troula co seu “Circo Krasnodar” e o espectáculo “O Dentista da Rúa Brasov”.

As carrozas temáticas serán as grandes protagonistas visuais, transportando aos asistentes a mundos de soño con temáticas como Merlín, Star Wars e Tarzán. Todo isto servirá de antesala para as grandes carrozas reais: a do Rei Melchor, a do Rei Gaspar e a do Rei Baltasar, que pechará o desfile xunto aos elefantes de La Fiesta Escénica e as “Nécoras da Ría” de Rivel Animación.

O percorrido da Cabalgata será o seguinte: saída dende a Avenida de Lugo, Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e remate na Alameda.

PLAN DE MOBILIDADE E TRÁFICO

Co obxectivo de garantir a seguridade de asistentes e participantes, así como o bo desenvolvemento do desfile e continuar co funcionamento da cidade, a Policía Local de Pontevedra deseñou un plan de tráfico específico que o público debe ter en conta para este luns, 5 de xaneiro.

Restricións de circulación e estacionamento:

  • Dende as 16.00 horas: Procederase ao peche ao tráfico na zona de concentración da comitiva. Isto afectará á Avenida de Lugo e Loureiro Crespo (no tramo comprendido entre as rúas Rodríguez Seoane e Virxinia Pereira Renda).
  • Dende as 17.00 horas ata o remate (aprox. 20.30 h): Peche total do percorrido da Cabalgata. As restricións estenderanse ao resto da rúa Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena, Praza de España, Alameda e Echegarai.
  • Garaxes: Lémbrase á veciñanza que, durante os horarios de peche sinalados, non se permitirá a entrada nin a saída de vehículos nos garaxes situados nas rúas afectadas polo itinerario.

Acceso aos servizos de emerxencia (Hospitais):

O dispositivo policial garante en todo momento o acceso aos centros sanitarios a través de itinerarios alternativos:

  • Hospital Provincial:
    • Ruta 1 (dende Beiramar): Acceso por Padre Gaite, San Antoniño, Víctor Cervera Mercadillo e Loureiro Crespo.
    • Ruta 2 (dende Eduardo Pondal): Acceso por Uxío Novoneyra e Joaquín Costa.
  • Hospital Quirónsalud:
    • O acceso realizarase dende a Praza de Galicia, Andrés Mellado, rúa Sagasta (habilitada en sentido contrario para a ocasión) e rúa Castelao.

O Concello de Pontevedra convida a toda a cidadanía a gozar desta tarde-noite máxica e agradece a colaboración de condutores e peóns no respecto ás indicacións da Policía Local e Protección Civil para que a chegada dos Reis Magos sexa un éxito rotundo.

Compartir publicación: