A solidariedade de Pontevedra garante que 419 nenos e nenas reciban o seu agasallo de Reis a través do programa (en)Volve 

A Concellaría de Benestar Social rexistrou 472 persoas inscritas como “cómplices”, superando as necesidades reais para cubrir todas as cartas recibidas. 

A campaña solidaria (en)Volve, promovida pola Concellaría de Benestar Social, pechou a súa edición deste Nadal cun éxito rotundo de participación cidadá. Grazas a esta iniciativa, un total de 419 menores do municipio (de ata 14 anos de idade) recibirán os seus agasallos na noite de Reis.

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, quixo facer balance do programa destacando a inmensa xenerosidade da veciñanza. Segundo os datos recollidos pola organización, a resposta social foi moi importante: inscribíronse un total de 472 “cómplices” dispostos a mercar un agasallo, aínda que finalmente foron necesarias 427 persoas para cubrir a demanda das familias en situación ou risco de exclusión social.

A edil responsable da área quixo trasladar unha mensaxe directa á cidadanía: “Aínda que enviamos a cada cómplice un agradecemento individual, é de xustiza facer un recoñecemento público, porque sen eles e elas non sería posible levar a cabo un programa tan bonito como este”.

Gulías salientou tamén o perfil solidario da cidade, apuntando que “a inmensa maioría das persoas que se ofreceron a colaborar nesta edición foron mulleres”. A concelleira celebrou que a campaña cumpriu o seu obxectivo principal: “Conseguimos que ningún cativo quede sen a ilusión do seu agasallo, grazas a unha rede de apoio veciñal que volveu demostrar a súa fortaleza”.

O programa (en)Volve funciona grazas á asignación anónima de cartas aos Reis Magos escritas polos nenos e nenas beneficiarios. Os participantes, denominados “cómplices”, encargáronse de adquirir os agasallos —cun límite de gasto de 35 euros e a recomendación de incluír un libro para fomentar a lectura— e entregalos na Casa Azul.

Nestes intres, o departamento está a rematar o reparto dos paquetes ás familias, un proceso que se iniciou o 2 de xaneiro para garantir que todos os xoguetes estean nos fogares para a máxica noite do 5 ao 6 de xaneiro.

Compartir publicación: